Saúde

Moderna pon data á vacina contra o cancro: "Salvará millóns de vidas"

Un ensaio clínico deixou resultados prometedores en febreiro pasado. (Foto: Nós Diario)
Os prometedores resultados dos ensaios clínicos iniciais, en febreiro deste mesmo ano, convertéronse na primeira demostración da eficacia dun tratamento oncolóxico que utiliza a tecnoloxía ARNm.

Atallar un cancro grazas a unha vacina, como se fose o caso doutras enfermidades comúns como o sarampelo, pode soar a día de hoxe a ciencia ficción. Porén, a chegada destes fármacos por vía intravenosa podería estar máis perto do que pensamos. O director médico de Moderna, Paul Burton, vén de afirmar en declaracións ao xornal británico The Guardian que a vacina personalizada contra o cancro na que xa traballa a compañía, en combinación coa inmunoterapia de MSD 'Keytruda' (pembrolizumab), podería estar lista para "finais desta década".

"Teremos esa vacina e será moi eficaz, e salvará centos de miles, se non millóns, de vidas. Creo que poderemos ofrecer vacinas personalizadas contra múltiples tipos de tumores a persoas de todo o mundo", asegurou. O experto en farmacoloxía detallou como funciona esta vacina baseada en ARNm —igual que a que comercializou Moderna para facer fronte á Covid-19— que alertaría o sistema inmunitario dun cancro que xa está a estenderse no corpo dun paciente para que poida atacalo e destruílo, sen destruír as células sas.

Para iso, identifícanse fragmentos de proteínas na superficie das células cancerosas que non están presentes nas células sas —e que teñen máis probabilidades de desencadear unha resposta inmunitaria— e logo créanse fragmentos de ARNm que indicarán ao organismo como fabricalos. En primeiro lugar, os médicos toman unha biopsia do tumor do paciente e envíana ao laboratorio, onde se secuencia o seu material xenético para identificar as mutacións que non están presentes nas células sas.

A continuación, un algoritmo de aprendizaxe automática identifica cales destas mutacións son responsábeis do crecemento do cancro. Co tempo, tamén aprende que partes das proteínas anormais que codifican estas mutacións teñen máis probabilidades de desencadear unha resposta inmunitaria. A continuación, fabrícanse os ARNm dos antíxenos máis prometedores "para se empaquetaren" nunha vacina personalizada.

Éxito no ensaio clínico

O pasado febreiro, a Administración de Alimentos e Medicamentos dos Estados Unidos (FDA, polas súas siglas en inglés) concedeu a designación de "terapia innovadora" a esta vacina contra o cancro de Moderna para pacientes con melanoma, co obxectivo de acelerar o seu desenvolvemento e posterior revisión. A decisión de Washington produciuse dous meses despois de que Moderna presentase os resultados dun ensaio clínico de fase 2 que mostraban que a vacina, en combinación con 'Keytruda', reducía a recorrencia do melanoma en 44%.

Así, os resultados deste estudo convertéronse na primeira demostración da eficacia dun tratamento oncolóxico que utiliza a tecnoloxía ARNm, utilizada por vez primeira para as vacinas contra a Covid-19. Moderna e MSD teñen previsto discutir estes datos coas autoridades reguladoras e iniciar un estudo de fase 3 en melanoma en 2023. Ademais, prevén amplialo "rapidamente" a outros tipos de tumores.

As vacinas, listas en 2030

Na entrevista con The Guardian, o director médico de Moderna tamén anunciou que a compañía espera que as súas vacinas coa tecnoloxía ARNm estean tamén dispoñíbeis para o ano 2030 contra doenzas cardiovasculares, autoinmunes ou enfermidades raras, e tamén de forma "moi prometedora". "Pode aplicarse a todo tipo de enfermidades: cancro, enfermidades infecciosas, cardiovasculares, autoinmunes e raras. Temos estudos en todas esas áreas e todos demostraron ser tremendamente prometedores", resaltou Burton.

Neste senso, o experto considera que cunha soa vacina poderían alcanzarse varias infeccións respiratorias, como a mesma Covid-19, a gripe e o virus respiratorio sincitial (VRS). En xaneiro, Moderna anunciou os resultados dun ensaio en fase avanzada da súa vacina experimental contra o VRS, que concluíron que é 83,7% eficaz para previr cando menos dous síntomas, como tose e febre, en adultos de 60 anos ou máis. Os Estados Unidos tamén consideraron este fármaco "terapia innovadora".

Outro campo de actuación son as enfermidades raras: "Creo que teremos terapias baseadas no ARNm para enfermidades raras que antes non se podían curar, e creo que dentro de 10 anos poderemos achegarnos a un mundo no que realmente poderá identificarse a causa xenética dunha doenza e, con relativa sinxeleza, editala e reparala utilizando tecnoloxía baseada no ARNm".