UUAA valora positivamente a oferta da UE de recortar a protección ao lobo

Manda de lobos. (Foto: Nós Diario)
Ecoloxistas advirten da presión dos "lobbies gandeiro e da caza"

Unións Agrarias (UUAA) celebrou onte a decisión da Comisión Europea (CE) de rebaixar a protección do lobo.

O Goberno comunitario, "ante o aumento dos ataques ao gando que se vén rexistrando", estudará a pertinencia de mudar as regras de protección destes cánidos na Unión Europea, "avaliando a realidade actual desta especie e tendo en conta se a recuperación da mesma supón un perigo real para o gando e un risco potencial para a poboación local".

Así, o sindicato agrario informou onte de que fará uso das canles de comunicación habilitadas pola CE para expor o seu punto de vista sobre as "peculiares condicións" da Galiza, onde os censos oficiais dan conta da presenza "dunhas 90 mandas de lobos, cun número de exemplares perto de 650, o que supón máis lobos na Galiza que en Estados europeos como son Francia ou Portugal". Uns datos que poñen en cuestión entidades ecoloxistas.

UUAA apuntou que concorda  coa UE en sinalar a existencia dun "perigo real" para o gando, "tanto en canto se declaran máis de 2.200 reses mortas ao ano" no país, "se ben o número real é cando menos 30% superior ao declarado nas solicitudes de axudas que moitos gandeiros desisten de tramitar pola excesiva burocracia".

"Anticiencia"

"A Comunidade Europea súmase oficialmente ao carro do negacionismo anticiencia e cede ante a presión dos lobbies  gandeiro e da caza", afirma a Nós Diario o biólogo Xabier V. Pumariño.

"Non ten sentido desprotexer o lobo cando está máis que demostrado que nas zonas onde hai máis destes cánidos se asenta máis poboación rural e que a incidencia de enfermidades como a tuberculose é menor, aforrando millóns de euros públicos ao ano", engade.