Utilizar o móbil conducindo estará penalizado con seis puntos

Retencións de vehículos nas saídas de Madrid rexistradas polas cámaras de Tráfico (Imaxe: DXT)
A nova lei de tráfico entra en vigor a segunda feira, día 21 de marzo. 

O delegado do Goberno na Galiza, José Miñóns, presentou na sexta feira as principais novidades da modificación da lei de tráfico que entra en vigor a vindeira segunda feira. Esta lei foi aprobada polo Congreso español o pasado mes de decembro e, con ela, a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) pretende "mellorar a eficiencia do sistema e a convivencia entre todos". 

As novas normas

Son varias as mudanzas que sofre a lei de tráfico e que, a partir da vindeira segunda feira, deberán ser cumpridas nas estradas do Estado. As "distraccións", como suxeitar o teléfono móbil mentres se conduce, serán máis duramente castigadas na nova lei; dóbranse o número de puntos do carné de conducir que se retiran (pasan de tres a seis puntos). A DXT xustifica esta medida xa que, desde 2016, as distraccións "son a primeira causa de accidentes mortais nas estradas, supoñendo 31% do total". De todos os modos, a sanción económica por esta infracción mantense en 200 euros.

En canto ao cinto de seguridade, Tanto se se usar mal ou non se utilizar, perderase un punto máis, catro, antes eran tres. Tamén se aplica aos sistemas de retención infantil, cascos e outros elementos obrigatorios. Mantense a mesma sanción de 200 euros. A DXT lembra que un de cada catro falecidos en accidente de tráfico segue sen facer uso do cinto de seguridade.

No relativo ao adiantamento de ciclistas, se non se mantiver a distancia de 1,5 metros de distancia lateral, aumentará de catro a seis os puntos que se retirarán. A sanción económica mantense tamén en 200 euros.
Da mesma forma, aumenta de catro a seis puntos a sanción por lanzar calquera obxecto polo vidro do coche, dado que, segundo a DXT "isto pode producir accidentes ou incendios".

Pola súa parte, elimínase a posibilidade de que turismos e motocicletas poidan superar en 20 km/h os límites de velocidade máximos en estradas convencionais cando adiantaren outros vehículos. Para a DXT esta supresión "vai en consonancia co principio de sistema seguro, de eliminar ou reducir os riscos, e os adiantamentos en vías convencionais é un deles".
No tocante aos motoristas, poderán utilizar dispositivos inalámbricos sempre que estiveren "certificados ou homologados para a súa utilización no casco e sempre con fins de comunicación ou navegación, e non afecte á seguridade".
No relativo aos puntos da licencia, unifícanse os prazos. Para recuperar o saldo inicial deberán pasar dous anos sen cometer infraccións. Antes este período variaba segundo a gravidade da infracción cometida.

"Adapatarse á realidade"

Pola súa parte, Miñóns destacou que a lei se actualiza para "adaptarse á realidade", xa que os tempos mudan e a "forma de moverse" tamén. O delegado do Goberno remarcou que o obxectivo é lograr unha mobilidade "máis segura, eficiente e respectuosa" con todos para "reducir ao máximo" a sinistralidade. 
Neste sentido, o representante do Goberno informou de que no que vai de ano, 19 persoas perderon as súas vidas nas estradas galegas, "máis do dobre" que no mesmo período do ano anterior, cando se rexistrou un total de nove falecidos. Miñóns cualificou as cifras de "realmente dramáticas" dado que cada unha das mortes que se dan na estrada supón un "fracaso" que avala a necesidade de "reforzar" as normas de tráfico.