O uso da intelixencia artificial na Galiza, por baixo da media estatal

A Terraza albergará a sede da Aesia (Foto: Xoán Roberes).
O emprego da IA debe alcanzar 25% no ano 2025.

A Galiza sitúase á cola do Estado español e da Unión Europea en emprego da intelixencia artificial (IA). Segundos os datos achegados por un estudo da consultora española Pandora FMS, a utilización da mesma colócase na Galiza en 7,2%, a perto de oito décimas da media estatal e europea.

Porén, o país fica, aínda moi lonxe, do 25% fixado pola Comisión Europea para o emprego da intelixencia artificial e da big data en 2025.

Galiza é o decimo territorio do Estado con maior porcentaxe de empresas empregando a intelixencia artificial. Neste sentido, sitúase por diante de comunidades autónomas como Andalucía, Aragón, Valencia ou Canarias, mais fica lonxe de Madrid, con perto de 12%; Cantabria, por riba de 10,5%; e Castela e León, nas proximidades de 10%.

O atraso nesta materia da Galiza e do Estado español en relación cos países centrais da Unión Europea é evidente. Nesta dirección, a Comisión Europea márcase como obxectivo para o ano 2025 un emprego da intelixencia artificial arredor de 25% e para 2030 de 75%. Nesa liña, ligan a consecución deste obxectivo á mobilización de recursos públicos a través do programa de fondos europeos Next Generation.

O informe de Pandora FMS sinala que “os sectores TIC e comunicacións son os máis avanzados na implantación da intelixencia artificial por riba de 25%”. Asemade, o relatorio significa que “tamén destacan con máis de 10 % as actividades científicas e profesionais así como os sectores inmobiliario e petroleiro”. 

O estudo revela que “a construción, un dos sectores máis complicados para a dixitalización, segue a ser o menos avanzado en canto á implantación da intelixencia artificial”. Porén, indica que “noutros sectores están en pleno desenvolvemento, como aloxamento, transporte, almacenamento e servizos de alimentación que buscan achegarse a dous díxitos”.

O CEO da compañía autora do estudo, Sancho Lerena destaca que “o Goberno do Estado investirá 600 millóns de euros no período 2021-2023 para impulsar a intelixencia artificial” e apunta que “a taxa de crecemento achégase a 1% en comparación cos últimos informes malia crise actual”.

Sancho Lerena asevera que “hoxe en día é fundamental saber recoller, organizar e xestionar unha gran cantidade de datos. Canta máis información, sobre todo en tempo real, máis posibilidades de anticipar calquera fallo e aumentar a eficiencia dos servizos dunha empresa”. Neste contexto, anima as sociedades a dar o salto á intelixencia artificial.