A USC quere dotarse de máis estruturas de investigación

O reitor Antonio López (esquerda) e Román Rodríguez (dereita). (Foto: Xunta da Galiza).
Antonio López toma, de novo, posesión como reitor da USC.

O catedrático de Dereito Financeiro e Tributario, Antonio López, voltou a tomar posesión onte como reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) nun acto en que situou  como obxectivos principais para o próximos catro anos de mandato a substitución xeracional tanto do persoal docente e investigador como de administración e servizos, así como lograr "novas estruturas de investigación".

Nunha cerimonia presidida polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e no cal estiveron presentes os reitores da UDC, Julio Abalde, e da Uvigo, Manuel Reigosa, López prometeu o cargo para o que será o seu segundo mandato á fronte da USC tras un proceso electoral en que foi o único candidato a reitor.

No relativo á adaptación da USC á pandemia, López aseverou que "o que eran as nosas sensacións confirmáronse cando, o estudo sobre o impacto da Covid-19 na USC, mostrou unha alta capacidade de adaptación e flexibilidade da Universidade".

O reitor apuntou, ademais, que outro eixo estratéxico terá a ver coa transformación dixital. "Se algo bo nos deixou a pandemia, foi o salto acelerado na implantación das novas tecnoloxías", afirmou López, que para alén diso, avogou por "sacar o máximo proveito destas capacidades para implicármonos nun proceso de transformación dixital tamén na universidade".

"É unha aposta que nos obrigará a repensar os novos procedementos, incorporando todo o bo que se deriva das novas tecnoloxías sen renunciar á esencia do que somos e que queremos seguir sendo: unha universidade presencial", expresou.

Situación económica

No seu discurso, o reitor tamén se referiu á situación económica da institución universitaria, lembrando que a USC conta cun "ambicioso plan de infraestruturas" que está perto, no seu conxunto, dos 80 millóns de euros.

Así mesmo, destacou que, durante o seu mandato, "conseguiuse reducir de 30,7 millóns a 17 millóns de euros a débeda da USC e implantáronse novas titulacións que permitiron unha mudanza de tendencia no alumnado de primeira matrícula que pasou dun total de 4.173 estudantes en 2018 a 4.637 este curso. Un aumento de 11% que, no caso do Campus de Lugo elévase até 38%.