Alvarellos e a USC publican as imaxes de grupo máis antigas da Universidade

Alvarellos e a USC publican un libro de Carlos Castelao que recupera a figura e a obra de Jules David-Cavaz, un fotógrafo francés que tomo as primeiras imaxes de grupo do persoal da Universidade de Santiago en 1882. 
Salvador Parga e Cleto Troncoso con 26 alumnos de Dereito na foto que serve de capa do libro 'A Universidade retratada'.
photo_camera Salvador Parga e Cleto Troncoso con 26 alumnos de Dereito na foto que serve de capa do libro 'A Universidade retratada'.

Cando Europa aínda non existía como concepto, un fotógrafo francés operaba xa coa idea europea, retratando grupos de persoas desde Noruega até Portugal. Jules David-Cavaz, foi un fotógrafo francés que comezou captando imaxes de grupos escolares no estudio de Claude Bretagne, en Lovaina, e que despois de independizarse e montar o seu propio estudio en Levallois-Perret, nas aforas de París, ampliou a súa clientela para incluír nela todo tipo de colectivos: institucións militares, relixiosas, educativas ou empresariais  de todo o continente.  

A localización, a comezos de 2021, de varias fotografías inéditas deste artista no Arquivo Histórico Universitario de Santiago, está na orixe dunha nova publicación do fotohistoriador Carlos Castelao, A Universidade retratada. Jules David-Calaz en Galicia, editada por Alvarellos e a propia Universidade de Santiago de Compostela (USC) na que se reproducen fotografías do ano 1882 nas que aparecen varios grupos de catedráticos, estudantes e persoal da USC. As imaxes supoñen un achado de gran valor documental, xa que constitúen o primeiro documento gráfico do persoal desta institución. Pero, ademais, foi o punto de partida dun traballo no que Castelao leva a cabo unha rigorosa recuperación da figura de David-Cavaz e do seu paso pola Galiza, documentando até 97 fotografías realizadas polo seu estudio entre 1881 e 1905, en sete viaxes ao noso país (desde que o libro saíu do prelo, o autor logrou documentar outra viaxe máis).

Europa sempre se construíu en períodos de paz, non de conflito

En conversa con Nós Diario, Carlos Castelao destaca dous elementos da publicación: “En primeiro lugar, hai que resaltar o feito de que o autor sexa un pioneiro da idea de Europa. Cos seus retratos de grupo realizados desde Escandinavia até Grecia e desde Portugal até os Balcáns, David-Cavaz ofrece unha panorámica do que é Europa en tempos de paz”, afirma. “Aproveita un tempo de entreguerras -desde o final da guerra franco-prusiana até o comezo da Primeira Guerra Mundial- para crear unha imaxe de Europa que -cómpre reafirmalo nestes tempos- sempre se constrúe en períodos de paz, non de conflito. Desde ese punto de vista, o seu traballo ten un enorme valor simbólico”. 

En segundo lugar, Castelao lembra que a Universidade é a grande institución compostelá do século XIX. “Ao longo de medio século, Compostela perde a industria, a provincia, a capitalidade, a Audiencia... e, sobre todo, a  capacidade de liderado, case sempre en favor da Coruña.  Estas fotos supuñan, daquela, unha reivindicación do valor dunha institución como a Universidade, que se presentaba como a renovadora da sociedade desde o punto de vista cultural. Era a máis alta instancia en materia de educación, e estaba en Santiago". 

Moitos destes académicos serviron como modelo para os personaxes da célebre novela de Pérez Lugín A casa da Troya

A Universidade retratada 

A recuperación da memoria da USC realízase neste volume non só coas imaxes do persoal que pasou por ela: Carlos Castelao presenta un breve perfil de cada unha das figuras retratadas polo fotógrafo francés, atendendo especialmente aos círculos familiares, académicos e políticos nos que se movía. 

"Facer un estudo biográfico exhaustivo de cada un deles non tiña sentido nun libro destas características", comenta, "mais si era moi interesante ver que relacións mantiñan uns cos outros. A Universidade era, como agora, un reflexo da sociedade, e, daquela, acollía persoas de todas as inclinacións políticas -masóns, progresistas, conservadores moderados e radicales-, académicas, relixiosas... e estudar os vínculos entre eles dá unha visión moi interesante das tensións e tendencias que se vivían na Compostela da altura". 

"Como anécdota, moitos destes académicos serviron como modelo para os personaxes da célebre novela de Pérez Lugín A casa da Troya, o  que dá unha idea da relevancia que tiñan na Compostela da época", apunta Castelao. 

Así, poden seguirse episodios da traxectoria de persoeiros da época como Jacobo Gil-Villanueva, Salvador Parga, Frei Pedro Bartolomé Casal ou Francisco Romero Blanco, e dos seus vínculos co provincialismo, co darwinismo, co neoconservadorismo ou con figuras tan dispares como Eduardo Pondal ou o célebre cociñeiro Picadillo.

Comentarios