A USC muda a data de depósito das teses e deixa no ar o futuro de ducias de doutorand@s

Paraninfo USC

Atinxe as investigacións rexidas pola Instrución 2/2013. As persoas afectadas convocan unha xuntanza esta terza feira (19 de maio) ás 20h na Aula 1 da Facultade de Filosofía (Compostela).

 

Sen previo aviso e através dunha resolución reitoral asinada o 28 de abril de 2015 a USC mudou as condicións de tramitación das teses de doutoramento. Mediante esta norma a equipa de goberno fixa con menos de 5 meses de adianto unha nova data de depósito dos traballos académicos que deberán ser entregados antes do 30 de setembro deste ano. 

A decisión reitoral deixa ducias de persoas afectadas que denuncian os "graves prexuízos" que supón o novo marco non só para o persoal investigador senón tamén para "a calidade da investigación" na propia universidade. 

Nun documento redactado de maneira mancomunada por diversas persoas afectadas, e ao que tivo acceso Sermos Galiza, están a recoller sinaturas para exixir á USC a restitución da "data estipulada orixinalmente" e que, segundo a Instrución 2/2013 era o 11 de febreiro de 2016. 

O feito desta mudanza, apuntan, conlevará a desvinculación do anterior programa de doutoramento daquelas persoas que non entreguen en tempo e forma a súa tese. Neste senso, veríanse abocadas a ter que cambiar de programa e, polo tanto, "agardar 18 meses antes de poder depositar, cando moitas persoas implicadas neste proceso teñen xa moi avanzado o traballo", sinalan. 

Reclaman a restitución da data orixinal e que se contemple a posibilidade dunha "prórroga de graza"

Asemade, a súa desvinculación traduciríase tamén na súa saída dos "programas e departamentos aos que estivesen adscritas" os que "terían que prescindir do seu traballo", aínda máis naqueles casos en que contasen con horas de docencia. De igual maneira, moitas outras ficarían "desasistidas" das "bolsas" coas que contan algunhas das persoas matriculadas no doutoramento. 

Así pois, reclaman que se "contemple a posibilidade dunha prórroga de graza como vén sendo habitual nestes casos e así evitar agravios comparativos", por exemplo, coa Universidade da Coruña onde existe esta opción. 

Ao mesmo tempo, exixen que "as solucións adoptadas sexan comunicadas directamente pola EDI a todos os afectados, principalmente a doutorandas e doutorandos" através das "funcións adminstrativas e de comunicación que lle corresponden sen trasladas a súa responsabilidade aos titores cuxas tarefas son outras". 

Finalmente, reclaman a publicación "con celeridade" da Instrución sobre os prazos e condicións dos procedementos para as adaptacións dos regulamentos en extinción. 

As persoas afectadas convocan unha xuntanza esta terza feira (19 de maio) ás 20h na Aula 1 da Facultade de Filosofía (Compostela) e a quinta feira (21) na Aula Magna de Bioloxía.