A USC, sen servidor web en plenos exames

A Universidade atribúe a unha avaría o fallo que atinxe os correos do persoal, a páxina web e as aplicacións en liña.

 

Desde a pasada sexta feira a Universidade de Santiago de Compostela (USC) non conta co servidor web disponíbel embora daren comezo xa os exames. Por mor dunha avaría, segundo comunicou a Vicerreitoría de Comunicación e Coordenación, até esta cuarta feira (20 de maio) non se poderá acceder aos correos electrónicos, ao campus virtual ou ás aplicacións en liña, polo que pediron desculpas. 

Así as cousas, desde os Comités iniciaron unha campaña de recollida de sinaturas coa que visan transmitir ao reitor, Juan M. Viaño Rey, "o noso descontento co acontecido". Neste senso, a organización estudantil lembra que os labores de mantemento previstos pola USC tiñan que ter rematado o 17 de maio. 

400 sinaturas en 24 horas

A demora, denuncian, "as estudantes da USC non poden acceder ao campus virtual, non poden empregar o wifi da universidade para realizaren traballos, non poden consultar os horarios dos seus exames e o peor de todo, non poden contactar co profesorado, pois os seus correos dependen dos servidores da USC". 

Os Comités sinalan que estes traballos de mantemento web poderían terse desenvolvido "noutras datas que non perxudicaran ao estudantado" polo que "eiximos que o goberno da USC se responsabilice do que consideramos unha grave falta de respecto ao estudantado". 

Até o momento levan recollidos varios centos de sinaturas --por volta de 400-- en 24 horas e están a editar formularios para que o estudantado presente @s docentes daquelas materias en que a caída do servidor atinxise os exames.