USC e Compostela inician os traballos para instaurar un plan piloto de mobilidade en bicicleta

Antonio López e Goretti Sanmartín, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)
'Cidade da saúde' aposta por mellorar a mobilidade nos espazos universitarios.

O Concello de Compostela e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) constituíron unha comisión de seguimento para o protocolo de colaboración entre ambas as institucións e anunciou que a primeira actuación será un plan piloto de mobilidade en bicicleta, cuxa primeira fase está "a punto de licitarse". "

Proba de que non estivemos parados é que imos a poder pór en marcha, sen tardar, un plan piloto de mobilidade para ver tamén cales son as rutas máis demandadas e os puntos de maior utilización", declarou esta cuarta feira o reitor da USC, Antonio López, en relación a 'Cidade da saúde', proxecto que pretende ofrecer bicicletas para percorrer as facultades, así como o ámbito do Hospital Clínico.

Os primeiros grupos de traballo están fixados para comezos de marzo e obrarán polas cuestións "prioritarias" do plan de colaboración: planificación urbanística e persoal. Da mesma maneira, a comisión de seguimento, cuxa presidencia recae no Concello; e secretaría na USC a través de Pilar Martínez, manterá xuntanzas trimestrais nas que estará tamén o persoal delegado que a Alcaldía designe para cada aspecto.

"A peza chave é que o protocolo que asinamos no seu día non queda nunha simple manifestación de intencións, senón que formalmente constituímos a comisión de seguimento e fixamos un calendario de actuación dos grupos de traballo", resaltou o reitor da USC. 

Compartir a cidade

Pola súa parte, a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, sinalou na constitución desta comisión que o Goberno da capital galega incluíu nos orzamentos unha partida de 60.000 euros para mellorar as instalacións deportivas, o que encaixaría na idea de apostar por que a Universidade e o Concello compartan espazos e equipamentos".

Ademais, Sanmartín quere avanzar nun protocolo que "garanta usos residenciais dos pisos, e non hoteleiros", así como crear un plan anual para que o alumnado universitario poida facer prácticas nos diferentes servizos municipais.