A USC analizará os riscos e as potencialidades da Intelixencia Artificial

Man artificial (Pixabay)
O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) tratará con expertas e expertos a importancia de regular a Intelixencia Artificial, cada vez máis presente na nosa vida cotiá.

A Intelixencia Artificial (IA) está a remodelar o mundo e mudando a vida das persoas e da sociedade, converténdose non só nunha “tecnoloxía adicional", senón cada vez máis, nunha parte da vida cotiá das persoas ao permitir accións como interactuar co asistente dixital, pedir que reproduza a música favorita, empregar un texto corrector que axude a escribir un correo electrónico eficiente, ou utilizar aplicacións de navegación que desvíen á persoa usuaria tendo en conta o tráfico e as obras.

En todo caso, para o director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), Senén Barro, "é a tecnoloxía máis transformadora xamais desenvolvida pola humanidade, cun impacto sen precedentes en todo o relacionado co social, económico, laboral e de privacidade". 

Co obxectivo de afondar na IA e no seu marco normativo, o CiTIUS realiza unha serie de encontros con expertos que se sumarán á ‘Semana Europea pola regulación da IA’. Desde o CiTIUS consideran que, debido ao seu potencial e ás innovacións de alta tecnoloxía, "a IA pode achegar unha ampla gama de beneficios en todo o espectro social, económico e ambiental. Pero, ao mesmo tempo, e debido ao seu rápido crecemento e ao aumento das súas aplicacións e capacidades, implica riscos potenciais en eidos como a privacidade, a desigualdade, a opacidade na toma de decisións, a equidade e a parcialidade ou a seguridade".

Regulamentación europea

Consciente diso, e en liña coa súa preocupación por regular adecuadamente o desenvolvemento e o uso da IA, a Comisión Europea promoveu varias iniciativas para establecer os principios dunha IA segura e digna de confianza.

En 2019, o grupo de expertos de alto nivel sobre IA presentou unhas Directrices Éticas para a Intelixencia Artificial Confiábel. Dous anos máis tarde, o 21 de abril de 2021, a Comisión Europea publicou un marco normativo para supervisar a IA, establecendo normas harmonizadas sobre o tema, finalmente chamada Lei de Intelixencia Artificial.

Os Estados membros da UE tamén comprenderon que deben seguir o ritmo dos avances da IA. Moitos deles xa adoptaron estratexias a nivel estatal sobre a materia, mentres que outros están en fase final de redacción na actualidade.

Dado que é esencial un enfoque da IA centrado en Europa, a UE puxo en marcha medidas para reforzar os mecanismos de coordinación e proporcionar análise e estudos mediante a creación de AI Watch, unha iniciativa da Comisión Europea para supervisar e facilitar a aplicación da Estratexia Europea para a IA.