Presentación do libro de Sermos esta sexta feira en Tui

A urxente necesidade doutro monte

Chandebrito, en Nigrán, logo dos incendios de outubro.

O abandono, a mala ordenación do territorio, o monocultivo de especies de alta combustibilidade e os cambios no clima son unha “combinación explosiva”. A gasolina que alimenta as vagas de incendios. Así o considera Alberte Blanco, ex director xeral de Montes no bipartito, e coordinador do libro colectivo O monte galego. Caos ou aproveitamento multinacional?, editado por Sermos Galiza.
 

O volume xunta catro ensaios, prologados polo ex conselleiro de Medio Rural Alfredo Suárez Canal, que tratan sobre a problemática diversa do monte galego. Publicado en abril, os seus contidos cobran nova relevancia despois dos fogos da fin de semana do 15 de outubro. “Os incendios aparecen de forma directa non principal”, expón Blanco, “pero o diagnóstico e as perspectivas que defendemos confirmáronse dramaticamente este ano”.

 

Os incendios queiman cada vez máis hectáreas. Os superiores a 500 aumentan. Isto é consecuencia da “ineficacia” do dispositivo de extinción. O Goberno de Alberto Núñez Feijóo iniciou a partir de 2012 a demolición da lexislación relacionada co lume. A extinción non se librou. “Cómpre profesionalizar as brigadas municipais, porque agora ou non se dan formado ou tardan moito. Son un bluf”. O operativo terrestre contra os incendios “non está á altura” do risco realmente existente.

 

Ao desaxeitamento das brigadas súmase a mudanza nos protocolos de saída dos helicópteros e a supresión das denominadas “brigadas de ataque rápido”, que se movían en furgonetas cun depósito de auga de 500 litros e que permitían interceptar o incendio no inicio. “Ademais, o PP reduciu un 30% os medios aéreos dispoñíbeis”.

 

Outra política forestal

 

Mais o libro, en que tamén participan Ana L. García Arias, Tareixa Paz, Xosé Carballido e Bernardo Valdês, insta, sobre todo, a reorientar con urxencia a política forestal. “Haino que facer de maneira consensuada cos propietarios, individuais ou colectivos”, di Alberte Blanco, “que son os principais interesados en que o monte non arda. Esa complicidade non existe na actual Xunta”.

 

O monte debe, así, deixar atrás o monocultivo de especies de alta combustibilidade. “Eu non son partidario de solucións radicais, e entendo que a industrial forestal que hai en Galiza precisa do piñeiro e do eucalipto”, explica, “pero non pode ser que todo o monte estea en función desa industria. É precisa unha ordenación e recuperar a súa biodiversidade”. Emprega a imaxe do mosaico para imaxinar un territorio en que as especies de alta combustibilidade só se plantan en extensións inferiores a 20 hectáreas.

 

As teselas de mosaico deben alternar o eucalipto e o piñeiro con parcelas de especies caducifolias. “Estas tamén arden e, porén, ofrecen unha maior resistencia. Conteñen máis humidade e frean o avance dos incendios”, asegura, “amais, permitiría variar a oferta para a industria forestal con especies de máis calidade”. Eis o que chama “silvicultura preventiva” nun país que corta máis do 50% da madeira de todo o Estado, uns sete millóns de metros cúbicos.

 

A maiores, lembra Blanco, o Goberno galego ten que facer cumprir a lei. As xa famosas faixas de seguridade entre o monte e os núcleos de poboación, que o PP reduciu a respecto da lei aprobada polo bipartito tras os incendios de 2006, non se respectan. E a Xunta non destina medios a que se faga. O coordinador de O monte galego. Caos ou aproveitamento multifuncional? conclúe: “En calquera caso, se non hai vida no rural, e imponse a desorde territorial e o caos, non hai nada que facer, por máis dispositivo de extinción que exista”.

 

Sobre estes e outros asuntos disertarán o propio Blanco, o ex conselleiro Alfredo Suárez Canal, a escritora e membro do consello de administración de Sermos Galiza Marga Romero e Alfredo Pereira, do Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo. Esta asociación organiza a presentación do mencionado libro esta sexta feira, ás oito do serán, na sala Félix Rodríguez, na parte traseira da área panorámica de Tui.