Sanidade

Sindicatos denuncian que as Urxencias de Montecelo seguen saturadas: "Hai padiolas nos corredores e zonas de paso"

Urxencias do Hospital de Montecelo. (Foto: Nós Diario)
Desde a Xerencia da área de Pontevedra-O Salnés negan un colapso nas Urxencias, onde, afirman, "as patoloxías son atendidas en tempo e forma en función da súa gravidade".

A xerencia da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, departamento que dirixe José Ramón Gómez, afirmou esta segunda feira, en relación ás denuncias de "colapso" e "caos" no Hospital de Montecelo (Pontevedra) por parte dos sindicatos, que se adoptan decisións en función das "necesidades e circunstancias variábeis" que se dan nos centros sanitarios para "garantir a continuidade asistencial global".

Dixo, aliás, que durante o verán está garantida unha dispoñibilidade de "100% das camas" e que as situacións de "presión" como as vistas nas últimas datas en Montecelo son consecuencia de "procesos que requiren dunha posterior hospitalización" e "non se dan tanto nas Urxencias, onde se atenden as patoloxías en tempo e forma axeitadas, en función da súa gravidade".

Unhas circunstancias, porén, que na segunda feira negaba a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) na Galiza, que afirmaba que durante a última semana chegaron a contabilizarse 200 pacientes diarios e, sumado isto á falta de profesionais, provocou esperas de "até 24 horas" para que se asignase unha cama a unhas 40 persoas.

Esta terza feira CESM emitiu un novo comunicado e lamentou as "incongruencias" da Xerencia nas súas declaracións, que "a definen por si mesma", afirman. O 'parte' desta mañá deixa 26 doentes ingresados sen cama asignada, mentres dous deles, positivos en Covid-19, "seguen agardando nas Urxencias".

"Se o señor Gómez [o xerente da área] non considera necesario abrir as camas non operativas (fechadas) nunha situación como a vivida con estes 26 pacientes con orde de ingreso e por tanto en situación de precisaren coidados de hospitalización, que debe ocorrer para que se produza esta circunstancia", lamentan.

Esas persoas, indican no escrito, ficaron "en padiolas situadas nos corredores e zonas de paso, sen acceso a baño privado, comidas e ao máis mínimo respecto e consideración que precisa un ser humano nestas circunstancias".

"Quizais habería que preguntar a Alfonso Rueda, que é de Pontevedra e supomos que coñece perfectamente os espazos do servizo de Urxencias de Montecelo, se el ou algunha persoa próxima a el estivesen nesas mesmas circunstancias comparte a opinión do xerente que el considerou axeitado para mantelo no cargo", conclúen.