As Urxencias de Montecelo seguen saturadas e poderían perder máis persoal

Urxencias do Hospital de Montecelo. (Foto: Nós Diario)
Aliás, o centro de saúde de Cervo quedará sen profesionais médicos as terzas e sextas feiras de xullo e agosto.

A situación segue a ser crítica nas Urxencias do Hospital de Montecelo, en Pontevedra. Nos últimos días o servizo presentou unha imaxe de saturación por mor das e dos numerosos pacientes que agardaban durante horas por unha cama.

Na mañá desta quinta feira, contra as 8 horas, once doentes estaban aínda pendentes de ingreso, segundo advirten desde a representación en Pontevedra da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM).

Poñen o foco, aliás, na falta de persoal: "Hai dúas facultativas de Urxencias con contratos por acumulación de tarefas, unha leva catro anos e a outra tres asinando contratos cada tres meses".

Porén, este mes de xullo, cando lles toca asinar de novo, só lles ofrecen un mes máis de contrato a pesar das múltiples eivas que presenta o servizo debido aos poucos efectivos cos que conta na actualidade. "É moi probábel que marchen a outros centros que ofrezan contratos de maior duración", precisan desde a CESM.

Na tarde desta quinta feira, contra as 20 horas, está convocada unha concentración en Raxó (Poio) para evitar o fechamento do centro de saúde durante o verán pola falta de profesionais.

Sen médica en Cervo todas as terzas e sextas feiras

A situación que se vive na Mariña lucense non difire moito do que acontece na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés. A vindeira terza feira, 12 de xullo, a Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña despraza ao ambulatorio de Cervo a súa Unidade Móbil de Axuda coas Reclamacións (UMAR).

"A situación sanitaria no Concello de Cervo é alarmante ao ficar desde hai un tempo con dúas facultativas para todo o concello, unha ubicada no centro de saúde de San Cibrao e a outra no consultorio", lamentan.

Por orde da Xerencia, o centro médico quedará sen médica todas as terzas e sextas feiras dos meses de xullo e agosto. Aliás, as Urxencias atenderanse no ambulatorio de San Cibrao cando falte a titular.