As Urxencias do CHUS, "colapsadas": ducias pacientes amoreados nos corredores á espera de recibir atención médica
O acompañante dunha paciente denuncia a falta de espazo, intimidade e atención durante horas, con doentes en cadeiras de rodas e padiolas nos corredores do hospital compostelán.
Un acompañante dunha paciente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) denunciou a Nós Diario que na cuarta feira o servizo de Urxencias presentaba unha situación de colapso, con ducias de pacientes amoreados nos corredores á espera durante horas para ser atendidos. Segundo o seu testemuño, remitido xunto con imaxes, había persoas en cadeiras de rodas, en padiolas e mesmo agardando de pé, sen espazo suficiente nin condicións adecuadas.
"Enfermos sen atender durante horas nos corredores", relata. O acompañante explica que se atopaba coa súa nai, "que probabelmente teña a cadeira rota", e que non recibira calmantes durante un tempo prolongado. Engade que tivo que reclamar ao persoal para que a levasen a un espazo "con máis intimidade que un corredor cheo de xente" para, explica, "poder facer as súas necesidades".
As imaxes achegadas mostran corredores saturados e doentes agardando atención sanitaria, unha situación que o denunciante cualifica de "despropósito".