As Urxencias do Chuac, colapsadas: "A Xerencia limítase a dicir que todo se arranxará co novo hospital"

As Urxencias atenderon case 500 pacientes na segunda feira, segundo o persoal. (Foto: Nós Diario)
Esta segunda feira foron atendidas 481 persoas, indican desde a comisión de centro do Chuac, e advirten que hoxe o servizo "segue colapsado".

A comisión de centro do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) vén de denunciar esta cuarta feira, a través dun comunicado, un novo "colapso" no servizo de Urxencias.

"Esta segunda feira, 25 de abril, a entrada en Urxencias chegou a máximos históricos, acudindo 481 doentes", sinalan. Dous días despois, esta cuarta feira, o servizo segue colapsado: "O hospital non é capaz de asumir correctamente esta afluencia de doentes, e a Xerencia, lonxe de dar unha resposta, limítase a mirar cara a outro lado, o que provoca que os doentes estean amoreados nos corredores e nas antigas consultas de 'verdes'".

Ás 9 horas desta cuarta feira, apuntan, "xa había case 150 doentes no servizo, dos cales 40 están pendentes dunha cama para ingresar". Aliás, salientan que o tempo de agarda para facer unha proba de raios "supera as cinco horas nalgúns casos".

Con todo, desde o Chuac fían todo á ampliación do complexo: "O persoal leva moito tempo denunciando esta situación, pero a Xerencia o único que di é que co novo hospital todo se vai arranxar... Van ter que esperar os doentes, amoreados nos corredores, todo ese tempo?", cuestionan desde a comisión de centro.

"Non se pode consentir isto por máis tempo, é preciso que a Xerencia deseñe un plan de abordaxe deste problema dunha vez por todas. O persoal non pode traballar nestas condicións de estrés continuo e os doentes merecen ser atendidos nas mellores condicións, e non nos corredores", subliñan, ao tempo que exixen unha solución "inmediata" ao persoal directivo.

Mais esta non é unha situación nova para o persoal sanitario do Chuac. O pasado mes de xaneiro milleiros de persoas tomaron as rúas da Coruña para denunciar a "sobrecarga, precariedade e falta de persoal".

"Levamos máis dun mes de concentracións semanais co servizo de urxencias e co bloque cirúrxico. Antes do verán saímos co persoal das unidades de críticos, o ano pasado rebentou a hospitalización. É continuo. E a Xerencia non dá ningunha solución. Por iso saímos á rúa, para que poñan as pilas dunha vez, porque necesitamos aire. Precisamos osíxeno para respirar", apuntaran daquela desde a comisión a Nós Diario.