Alertan dunha situación crítica nas Urxencias do CHUS, con médicos atendendo máis pacientes por día do recomendado

Urxencias do CHUS, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
O persoal deste servizo, denuncia o sindicato O'Mega, chega a atender 30 doentes nunha xornada, cando o Ministerio e os propios sanitarios recomendan non exceder os 21 porque iso "aumenta o risco de cometer erros de diagnóstico".

O sindicato O'Mega denunciou esta quinta feira que as urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) superan o volume de pacientes recomendado polo Ministerio de Sanidade e pola Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias.

Segundo datos que a organización sindical recadou dos facultativos, cada médico de Urxencias chega a atender até 30 pacientes por día, a pesar de que as persoas expertas apuntan que atender máis de 21 persoas nunha xornada aumenta o risco de cometer erros de diagnóstico.

"Os datos son aínda máis alarmantes a respecto dos pacientes considerados graves, porque cada médico do servizo de Urxencias do CHUS chega a atender durante a súa quenda até 19", lamentou O'Mega nun comunicado, explicando que as directrices de homoxeneización dos servizos de Urxencias hospitalarias do Ministerio sinalan que esta cifra non debería superar os 11.

Por todo iso, o sindicato dirixiu un escrito á Consellaría de Sanidade para alertar desta situación, denunciando a "nula drenaxe" de pacientes cara ás camas hospitalarias, o que provoca que "algúns enfermos pasen días nas dependencias de Urxencias a pesar de que o hospital conta con plantas fechadas".

Desde O'Mega atribúen esta situación á "deficiente xestión da asistencia primaria e das listas de espera en consultas", que leva as e os pacientes a buscar solucións no servizo de Urxencias.

Protestas no Chuac

Por outra parte, a Comisión de Centro do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) vén de demandar máis medios humanos e materiais para o servizo de raios de Urxencias. Fíxoo a través dun comunicado e con motivo dunha nova concentración convocada esta quinta feira, a partir das 14.40 horas, ante este servizo para pedir medios que permitan unha asistencia "en condicións adecuadas".

En concreto, explican que se precisan aínda dous celadores, un na quenda de mañá e outro na de tarde, e aseguran que non hai escaseza de profesionais nesta categoría. "O que nos atopamos é unha ausencia de investimento en recursos humanos", denuncian, ao tempo que advirten que falta "renovación de equipos" e reclaman medidas á xerencia da área sanitaria.