Urxen a Xunta a paralizar "de inmediato" a canteira das Viñas

Protesta da veciñanza das Somozas fronte ao edificio administrativo da Xunta en Ferrol, nesta cuarta feira (Foto: Europa Press).
A Declaración de Impacto Ambiental do proxecto data de 1996, polo que a veciñanza das Somozas e o BNG piden que se declare "obsoleta e caduca".

Arredor dunha trintena de veciños e veciñas da parroquia de Recemel (As Somozas) concentrouse no mediodía desta cuarta feira fronte ao edificio administrativo da Xunta da Galiza en Ferrol, a fin de exixir á Administración a "paralización inmediata" da canteira das Viñas.

As persoas afectadas consideran que a forma máis axeitada de "garantir a seguridade das persoas e a integridade da poboación e o medio" é o cesamento da actividade extractiva neste espazo.

Acompañada do deputado do BNG no Parlamento Ramón Fernández, a veciñanza presentou un escrito dirixido a Augas da Galiza, a dirección xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais e a dirección xeral de Calidade Ambiental solicitando que se cumpra a resolución aprobada por unanimidade da Cámara o pasado 16 de setembro.

O texto, presentado a proposta do Bloque, insta o Goberno galego a "adoptar as medidas que sexan precisas" na explotación mineira para velar pola seguridade "das persoas, arroios, ríos, vivendas e circulación viaria".

O parlamentario da formación frontista asegurou non entender "como durante todos estes meses os servizos da Xunta pasan por alto os danos e prexuízos que se están a producir".

A avaliación ambiental data de 1996

A Declaración de Impacto Ambiental (DIA) da canteira das Viñas foi aprobada polo Goberno de Manuel Fraga en 1996, malia que a empresa non chegou a iniciar daquela a extracción de minerais.

Para a veciñanza e o BNG, esta declaración debe considerarse "obsoleta e caduca" e cómpre someter o proxecto a unha nova DIA, xa que a normativa actual ten "moitas máis garantías".