Urxen a supresión da peaxe Redondela-Vigo na estrea dos descontos da AP-9

Autoestrada AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande (Foto: Punto GA / M. Riopa).
A veciñanza de Teis e Chapela maniféstase esta tarde para exixir a supresión "real" da peaxe dese treito, unha demanda de vello que vai ligada a outras actuacións.

Os descontos na autoestrada AP-9 que hoxe comezan a executarse non supoñen a desaparición das peaxe no tramo Redondela-Vigo xa que, malia recoñecer bonificacións de 100%, "obrigan os turismos a manter dispositivos de telepeaxe e realizar viaxes de ida e volta nun día para beneficiarse da rebaixa", explica a veciñanza de Teis e Chapela, que esta tarde, ás 20 horas, convoca unha concentración na rotonda Cabanas-Rande para exixir a supresión "real" da peaxe.

"O Goberno central quer enganar a veciñanza, anuncian unha rebaixas para logo dificultar e impedir que use ese tramo da autoestrada AP-9", denuncian. "Queremos as mesmas condicións que cando se suprimiron outros tramos de peaxe na AP-9". O mantemento das cabinas, inciden, só se entende para recuperar os pagamentos no futuro, advirten.

Outras actuacións

As demandas veciñais non se limitan só a supresión da peaxe. "Queremos lembrar a importancia da necesidade de que a supresión desta peaxe supoña tamén a conversión da autoestrada en tramo urbano desde Padín (Teis) até o centro da cidade, con accesos, o que permitiría reducir o elevado tráfico que padecen Teis e Chapela".

Ademais, reclaman medidas contra contaminación acústica, mediante a instalación de pantallas e a mellora dos pasos elevados da autoestrada en Teis, en concreto nos camiños da Xorxa e da Trapa.
Doutra banda, sinalan, están pendentes as obras de humanización na parroquia de Chapela, provocadas pola última ampliación da autoestrada AP-9, aprobadas pero sen executar.

Novas iniciativas no Congreso

Neste sentido, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou novas iniciativas na Cámara Baixa para que o Goberno do Estado libere o tramo Vigo-Redondela para todas as usuarias e usuarios, sen necesidade de empregar dispositivos de telepeaxe e con independencia do tempo transcorrido entre ida e volta fixado agora en 24h. 

A medida exixiría modificar o Real Decreto para estabelecer a total gratuidade do tramo tal e como veñen reclamando os veciños e veciñas, polo que a organización nacionalista apoia a mobilización convocada para esta quinta feira.

"Aínda que recoñece unha bonificación de 100% para a súa aplicación, as persoas usuarias deberán posuír un dispositivo de telepeaxe", recrimina Rego, un gasto "innecesario e inxusto" en beneficio das entidades bancarias.

Así, o BNG reclama que se revise o Real Decreto e se corrixa esta previsión para "estabelecer, de verdade, a gratuidade do tramo entre Vigo e Redondela e dar cumprimento así cunha das principais reclamacións sociais deste área".