"Urxe un foro de debate" na comunidade educativa ante a situación excepcional

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar (xunta.gal)

CIG-Ensino, Anpas Galegas e Erguer pídenlle á Consellaría de Educación que convoque xuntanzas para planificar accións para este curso escolar e o seguinte.

CIG-Ensino, Anpas Galegas e Erguer remitiron á conselleira de Educación, Carme Pomar, un escrito onde se solicita que "após case un mes desde o inicio do estado de alarma, se abra unha interlocución co sector".

"A circunstancia singular que estamos a vivir como consecuencia da pandemia da COVID-19, coa suspensión das clases en todos os ámbitos do ensino, e co confinamento da poboación, absoluta no caso do alumnado e o profesorado galegos, está tamén a provocar unha situación excepcional no desenvolvemento do curso académico e nas expectativas cotiás para o próximo futuro".

Así comeza o escrito no que as tres organizacións piden a "convocatoria urxente dun Foro de Debate sobre Ensino Público Galego, no que estean presentes todos os membros da comunidade educativa".

Os principais asuntos a tratar serían "a situación do alumnado con necesidades especiais", "a promoción do curso académico", "as especiais casuísticas de todo o alumnado que está a cursar unha fin de etapa" ou "a planificación do vindeiro curso". Temas que "a administración educativa galega, ausente até o momento na interlocución, debería consensuar coa comunidade educativa", afirman as organizacións asinantes.

Tema transversal

Tamén fan referencia as circunstancias que afectan a toda a cidadanía, xa que o ensino "é un tema transversal" que afecta a todo o mundo. Por exemplo, citan as condicións "sanitarias" ou "económicas" do alumnado confinado, "pasando pola chamada fenda dixital e como isto está a afectar o estudantado galego no seguimento da teleformación".

No escrito solicítase ademais que se teñan en conta "as peculiaridades que a nosa realidade galega impón en termos de afectación da pandemia, de definición das nosas comunicacións, de alarma social e por suposto de incidencia económica concreta". E tamén que as decisións que se tomen "sexan as menos lesivas en termos de desigualdade" para o estudantado galego.