CIG-Ensino, Anpas Galegas e Erguer remitiron á conselleira de Educación, Carme Pomar, un escrito onde se solicita que "após case un mes desde o inicio do estado de alarma, se abra unha interlocución co sector".
"A circunstancia singular que estamos a vivir como consecuencia da pandemia da COVID-19, coa suspensión das clases en todos os ámbitos do ensino, e co confinamento da poboación, absoluta no caso do alumnado e o profesorado galegos, está tamén a provocar unha situación excepcional no desenvolvemento do curso académico e nas expectativas cotiás para o próximo futuro".
Así comeza o escrito no que as tres organizacións piden a "convocatoria urxente dun Foro de Debate sobre Ensino Público Galego, no que estean presentes todos os membros da comunidade educativa".
CIG-Ensino, Anpas Galegas e Erguer pídenlle á Consellaría de Educación que convoque un foro de debate para analizar a situación excepcional do ensino galego ante a Covid-19https://t.co/pNgQKpE9CT
— CIG Ensino (@CIGEnsino) April 7, 2020
Os principais asuntos a tratar serían "a situación do alumnado con necesidades especiais", "a promoción do curso académico", "as especiais casuísticas de todo o alumnado que está a cursar unha fin de etapa" ou "a planificación do vindeiro curso". Temas que "a administración educativa galega, ausente até o momento na interlocución, debería consensuar coa comunidade educativa", afirman as organizacións asinantes.
Tema transversal
Tamén fan referencia as circunstancias que afectan a toda a cidadanía, xa que o ensino "é un tema transversal" que afecta a todo o mundo. Por exemplo, citan as condicións "sanitarias" ou "económicas" do alumnado confinado, "pasando pola chamada fenda dixital e como isto está a afectar o estudantado galego no seguimento da teleformación".
No escrito solicítase ademais que se teñan en conta "as peculiaridades que a nosa realidade galega impón en termos de afectación da pandemia, de definición das nosas comunicacións, de alarma social e por suposto de incidencia económica concreta". E tamén que as decisións que se tomen "sexan as menos lesivas en termos de desigualdade" para o estudantado galego.