As tres universidades galegas reclaman maior investimento público para fortalecer o sistema universitario do país e garantir fondos suficientes para facerlle fronte aos desafíos cos que terá que lidar nos próximos anos. En declaracións á Cadena Ser, os tres reitores rexeitaron a necesidade dunha universidade privada e concordaron demandarlle máis financiamento á Administración galega co fin de situarse ao mesmo nivel ca outros territorios próximos, cun potencial económico e investigador moi similar ao que exhibe Galiza na actualidade.
"A universidade galega precisa máis cartos e hai datos que o avalan", sinalou Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela. "O ensino universitario representa 0,9% do Produto Interior Bruto, cando medias do noso contorno chegan ou superan 1%, algo que non debemos perder de vista á hora de pedir máis recursos".
Pola súa banda, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, incidiu na necesidade dunha "revisión a fondo" do sistema de financiamento das universidades que toca negociar en 2020 "para garantir a sustentabilidade do sistema universitario da Galiza". "Nun escenario de máis certeza para a economía galega, poderiamos pensar en achegas progresivas destinadas á docencia e á investigación que nos igualen con países da volta", apuntou Manuel Reigosa, reitor da Universidade da Vigo.
Neste escenario de cambio e reclamacións, colectivos de investigadoras da Galiza inician a súa propia andaina reivindicativa co fin de mellorar as súas condicións de traballo. De feito, xa deron os primeiro pasaos de cara a construción dunha plataforma común pola investigación na que "poidamos solucionar colectivamente os problemas máis concretos do labor investigador, até reivindicar unidas que a única Galiza con futuro é aquela que aposta por unha investigación pública e de calidade", salientan.
A información íntegra pode consultala na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.