Universidade privada para unha elite

Após o informe favorábel do Consello Galego de Universidades, o anteproxecto de Lei de recoñecemento da universidade privada de Abanca debe pasar polo Consello da Xunta antes da súa tramitación parlamentaria. Eis un estrato da peza publicada no número 376 do semanario en papel Sermos Galiza.

Hai xusto un ano do anuncio en sede parlamentaria dos plans de creación dunha universidade privada na Galiza. Un proxecto impulsado por Abanca a través de Afundación que busca especializarse no ámbito das ciencias sociais e os estudos empresariais.

Baixo o nome de Universidade Intercontinental da Empresa, a entidade privada busca poñer en marcha a partir do curso 2020-2021 catro graos, catro másteres e dous programas de doutoramento centrados en dúas áreas de coñecemento: ciencias sociais e xurídicas, enxeñaría e arquitectura.

Porén, a posta en marcha da universidade privada dependerá dos prazos de tramitación da lei que a constitúe.

A solicitude por parte de Afundación para o recoñecemento da nova Universidade Intercontinental da Empresa, a iniciativa de Juan Carlos Escotet, chegou co outono e iniciou o seu percorrido entre as reaccións da comunidade educativa que ve moito máis perto a mudanza do sistema galego universitario.

Quen máis teñen que dicir son as tres universidades públicas do país, que aproveitaron o seu órgano de Goberno conxunto para manifestar a súa oposición “fundada e fundamentada” a un proxecto “lícito” que incumpre, din, un dos artigos “fundamentais” da Lei do sistema universitario da Galiza.

Oferta repetitiva

O texto recolle que para o recoñecemento dunha nova universidade “o catálogo de titulacións ofertadas deberá ser complementario e non reiterativo a respecto das titulacións preexistentes e consolidadas”, un requisito técnico que segundo o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, non satisfai a proposta de Abanca, ao propoñer “titulacións repetitivas”.

Segundo recolle o anteproxecto de Lei de recoñecemento da Universidade Intercontinental da Empresa, a institución  terá a súa sede en Santiago de Compostela mais dous campus académicos na Coruña e Vigo; e impartirá as súas ensinanzas nas seguintes estruturas docentes: Instituto Universitario de Administración de Empresas e Dereito, Instituto Universitario de Enxeñaría e Tecnoloxía Empresarial e Instituto Universitario de Investigación. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 376 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]