Hai xusto un ano do anuncio en sede parlamentaria dos plans de creación dunha universidade privada na Galiza. Un proxecto impulsado por Abanca a través de Afundación que busca especializarse no ámbito das ciencias sociais e os estudos empresariais.
Baixo o nome de Universidade Intercontinental da Empresa, a entidade privada busca poñer en marcha a partir do curso 2020-2021 catro graos, catro másteres e dous programas de doutoramento centrados en dúas áreas de coñecemento: ciencias sociais e xurídicas, enxeñaría e arquitectura.
Porén, a posta en marcha da universidade privada dependerá dos prazos de tramitación da lei que a constitúe.
A solicitude por parte de Afundación para o recoñecemento da nova Universidade Intercontinental da Empresa, a iniciativa de Juan Carlos Escotet, chegou co outono e iniciou o seu percorrido entre as reaccións da comunidade educativa que ve moito máis perto a mudanza do sistema galego universitario.
Quen máis teñen que dicir son as tres universidades públicas do país, que aproveitaron o seu órgano de Goberno conxunto para manifestar a súa oposición “fundada e fundamentada” a un proxecto “lícito” que incumpre, din, un dos artigos “fundamentais” da Lei do sistema universitario da Galiza.
Oferta repetitiva
O texto recolle que para o recoñecemento dunha nova universidade “o catálogo de titulacións ofertadas deberá ser complementario e non reiterativo a respecto das titulacións preexistentes e consolidadas”, un requisito técnico que segundo o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, non satisfai a proposta de Abanca, ao propoñer “titulacións repetitivas”.
Segundo recolle o anteproxecto de Lei de recoñecemento da Universidade Intercontinental da Empresa, a institución terá a súa sede en Santiago de Compostela mais dous campus académicos na Coruña e Vigo; e impartirá as súas ensinanzas nas seguintes estruturas docentes: Instituto Universitario de Administración de Empresas e Dereito, Instituto Universitario de Enxeñaría e Tecnoloxía Empresarial e Instituto Universitario de Investigación.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 376 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]