A universidade de Abanca logra o último recoñecemento para comezar a funcionar

Mobilización contra o proxecto de Abanca en maio de 2021. (Foto: Arxina)
O DOG publica o visto e prace á institución privada, apoiada só polo PP.

O proxecto de lei de recoñecemento, como tal, da Universidade Intercontinental da Empresa -na práctica a institución académica privada auspiciada por Abanca- finaliza despois de que o Diario Oficial da Galiza (DOG) publicara esta cuarta feira ese recoñecemento da entidade no marco educativo galego. A publicación chega tan só uns días despois de que o Parlamento dera luz verde a esta iniciativa da entidade financeira, na que só contaron a favor cos votos do grupo do Partido Popular. A oposición amosouse claramente en contra. 

Na súa primeira disposición do anuncio, o DOG estabelece que se recoñece "a entidade Fundación Universidad Intercontinental da Empresa (FUIE) como universidade privada do Sistema universitario da Galiza, coa denominación Universidad Intercontinental da Empresa".

"Esta universidade, que ten personalidade xurídica propia e forma de fundación de interese galego, impartirá ensinanzas dirixidas á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio estatal nas modalidades presencial e semipresencial", engade.

O escrito -parte do último trámite lexislativo-, que tamén especifica o tipo de ensinanzas recollidas e que haberá dous campus, un en Vigo e outro na Coruña a pesar de que a sede central ficará en Compostela, destaca que a proposta que presentou o banco "conta co informe favorábel de pertinencia socioeconómica do órgano competente en materia universitaria".

Este paso adiante suporá o "inicio do cesamento de actividades do Instituto de Educación Superior Intercontinental de la Empresa (Ieside), adscrito á Universidade de Vigo". O obxectivo é incorporarse ao sistema educativo no curso 2022-2023.

Os reitores e o Consello Económico e Social, en contra

Malia que a iniciativa semella chegar a un punto de non retorno de cara á súa constitución oficial como universidade, o proceso non estivo exento de problemas, pois as protestas quer de partidos políticos, quer da comunidade académica galega continúan activas ao entender que permitir o nacemento desta universidade é dar un paso cara a privatización do sistema de ensino superior. 

A oposición mesmo reprochou ao PP que non dera voz aos tres reitores das universidades galegas no Parlamento, contrarios á este centro privado, contra o que tamén se pronunciara o Consello Económico e Social, que o ve innecesario.