A universidade de Abanca supera o seu último trámite

O PP fica só a prol da universidade privada.
A comunidade educativa mobilizouse este ano contra o proxecto. (Foto: Europa Press)
photo_camera A comunidade educativa mobilizouse este ano contra o proxecto. (Foto: Europa Press)

Tras un longo percorrido, o proxecto de lei de recoñecemento da Universidade Intercontinental da Empresa (a universidade privada impulsada por Abanca) xa é realidade, coa súa aprobación onte no Parlamento cos votos do PP e o ‘non’ dos grupos da oposición, BNG e PSdeG, que cargaron contra un proxecto que “duplica” as titulacións que xa ofrecen as universidades públicas galegas.

Así, a creación da universidade privada superou hoxe o seu último trámite lexislativo coa aprobación do texto normativo que permitirá a implantación dun modelo que se prevé que se poña en marcha no curso 2022-2023. 

No debate, o deputado do PP Ovidio Rodeiro reivindicou a "aposta firme" da Xunta pola universidade pública cunha conxelación das taxas desde hai 11 anos, cuestión que a deputada do PSdeG Noa Díaz lle reprochou que, estando a favor da medida, non repercute positivamente nas universidades ao non compensar a Xunta a perda de ingresos polas taxas cun incremento do financiamento universitario. 

O deputado Manuel Lourenzo (BNG) recriminou a creación dunha universidade que "non responde ao interese xeral, senón ao de Abanca" e criticou que non se aceptaran as emendas da súa formación para destinar 35% dos ingresos a bolsas e 25% a investigación universitaria na Galiza.

O nacionalista tamén criticou que o PP impedira a comparecencia dos tres reitores das universidade galegas no Parlamento, os cales xa se teñen postulado en reiteradas ocasións contra o proxecto de universidade privada na Galiza. Aliás, cualificou de "fraudulenta" a tramitación da lei e recalcou que duplica titulacións do sistema universitario galego con prezos anuais por título que superan os 11.000 euros de media.

A socialista Noa Díaz tamén puxo o foco en que as instalacións que se empregarán "proveñen do patrimonio social das caixas galegas", pagado por todas e todos os galegos cos seus aforros. Díaz instou a Xunta a "aumentar" o financiamento estrutural das institucións educativas públicas e as bolsas, e a promover contratos que permitan rexuvenecer o seu persoal.

Tras o debate, o deputado socialista Pablo Arangüena pediu a palabra para denunciar a "manipulación" da votación, xa que, segundo sinalou, o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, "agardou até que estivo presente [a maioría do PP] para aprobar a lei". 

Comentarios