A universidade privada de Abanca abrirá o seu prazo de admisión o 1 de marzo

Un dos campus que conformarán a futura universidade de Abanca (Foto: Europa Press).
O proxecto de Abanca nace coa oposición frontal das tres universidades públicas galegas.

A Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), promovida por Abanca, abrirá o 1 de marzo o seu prazo de admisión  nos graos do curso 2022-2023, cos que inicia a súa andaina.

Terá inicialmente catro graos nos dous campus da Coruña e Vigo: Administración e Dirección de Empresas, Administración de Negocios Dixitais, Enxeñaría en Sistemas Intelixentes e Enxeñaría da Empresa. A elas súmanse as titulacións de mestrado en Tecnoloxía e Intelixencia de Datos e en Dirección e Administración de Empresas (MBA).

A universidade centrárase na internacionalización, baixo o lema "da Galiza para o mundo". Segundo Abanca, a UIE proporcionará ao estudante unha experiencia "internacional, bilingüe e multicultural, dentro e fóra da institución". Así, nos plans de estudos de todos os graos está prevista a mobilidade do alumnado, con convenios con "universidades de prestixio".

Así mesmo, a universidade de Abanca desenvolverá unha estreita colaboración co sector empresarial como parte do proceso educativo para "reducir a fenda entre o coñecemento e a práctica no día a día das organizacións".

O prazo de admisión estará aberto en primeira convocatoria até o 30 de abril e abrirase unha segunda convocatoria entre o 2 de maio e o 31 de xullo.

Universidades e oposición, en contra

Partidos políticos da oposición e comunidade académica entenden que o nacemento desta universidade é un paso cara a privatización do ensino universitario galego.

A oposición, no verán do 2021, reprochou ao PP o veto á intervención dos reitores das universidades no Parlamento, contrarios a un proxecto que o Consello Económico e Social ve innecesario.