A comunidade educativa do CEIP A Pobra do Brollón manifestouse este domingo para reclamarlle á Consellaría de Educación que cumpra a súa propia normativa e lle concella ao centro unha cuarta mestra que vén de retirarlle tras a xubilación da directora para poder garantir un ensino de calidade a todo o alumando.
A mobilización, convocada ás 12 do mediodía, estivo precedida por un Pleno extraordinario no que os tres grupos municipais, BNG, PSdeG e PP, votaron a favor da moción presentada pola ANPA da Pobra.
Nunha sesión moi concorrida, na que a asistencia de público excedeu o número de cadeiras disposto no salón de plenos do Concello, a presidenta da ANPA, Natalia Sánchez Gutiérrez, resumiu as reivindicacións das familias con crianzas escolarizadas no CEIP da Pobra do Brollón.
Unha mestra máis
Nais e pais reclaman a Educación que se cubra a praza de mestre que se necesita para poder dividir a aula de 3º a 6º de Primaria en dúas unidades. "O que se pide é que se cumpra o acordo asinado pola Consellería da Educación en 2009, en cuxo artigo 4 se di que para unificar diferentes ciclos en Educación Primaria as aulas non poderán superar os doce estudantes, e no noso caso son 17".
A ANPA amósase preocupada polo futuro dos nenos e nenas do colexio, xa que de se confirmar os recortes, o próximo curso o CEIP da Pobra contará cun mestre menos e, en consecuencia, con tres profesores para atender a 33 alumnos de Primaria que se dividirán en dúas aulas de 16 (1º e 2º) e 17 alumnos (de 3º a 6º).
As familias reclaman un docente máis e un reparto equitativo dos cursos, que agrupan a estudantes de niveis moi dispares superando as ratios recomendadas pola propia Xunta.
A Xunta non cumpre
"Tan só necesitamos un mestre máis para poder facer unha división xusta desta aula, cuxa xestión aínda se complicará máis este curso xa que, segundo a resolución do 10 de xaneiro de 2024 da Consellaría de Educación, tras o acordo asinado con UXT, COO e Anpe, a xornada laboral dos profesores pasa a de 25 horas a 23 horas semanais", salientaron desde a ANPA
As familias reclaman un docente máis e un reparto equitativo dos cursos, que agrupan a estudantes de niveis moi dispares superando as ratios recomendadas pola propia Xunta.
O alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, incidiu en que a problemática que os levou este domingo a manifestarse "non é illada", senón que se trata dunha mostra máis do intento de desmantelamento dos servizos públicos por parte do Partido Popular na Xunta da Galiza, e que se fai "especialmente evidente no caso do rural".
Tras o Pleno extraordinario ducias de persoas marcharon por unha Avenida de Galiza ateigada até chegar á área recreativa na que as familias, acompañadas das súas crianzas, volveron dar conta das súas reivindicacións nun ambiente festivo, presidido por pancartas elaboradas pola propia cativada.
Explicacións no Parlamento
A mobilización contou ademais coa presenza da deputada socialista Lara Méndez, quen apoiou a cobertura das baixas de profesorado e o cumprimento das ratios de alumnos por aula.
A viceportavoz do Grupo Socialista anunciou que levarán ao Parlamento o "incumprimento" das cocientes de alumnos por parte da Xunta e a falta de profesorado no ensino público. Méndez puxo o foco na "situación precaria" do ensino público da Galiza polo "desinterese do Goberno galego", que "suprimirá seis escolas" no próximo curso.
"A Xunta ten a obrigación de garantir que o alumnado do rural teña exactamente os mesmos dereitos que calquera outro a unha educación pública de calidade", lembrou a socialista.
O desmantelamento do ensino supón o desmantelamento do futuro dos pequenos e pequenas que habitan o rural", destacou tamén, neste sentido, o alcalde nacionalista da Pobra.