A unidade investigadora de fogos só ten 15 efectivos dos 57 prometidos

Un axente da UIFO investigando o punto de orixe dun incendio en Salvaterra de Miño (O Condado) (Foto: Xunta da Galiza)
O servizo de "elite" antiincendios carece do persoal suficiente, denuncia a CIG.

A Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) é chave na loita contra o lume e no combate dos fogos intencionados. Creouse en 2021 como unha unidade de "elite" mais, inciden representantes do persoal, está lastrada pola falta de efectivos. O compromiso da Xunta da Galiza era que a UIFO constase de 57 prazas con dedicación exclusiva, mais só hai 15 efectivos, e detraídos do corpo de axentes ambientais.

A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, estreouse no cargo ligando a intencionalidade nos incendios forestais co ADN da Galiza. O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, reprendeuna por esa afirmación. Con todo, o titular da Xunta incidiu na "enorme intencionalidade" detrás de moitos dos incendios forestais que se rexistran na Galiza. Os estudos feitos nestes anos, como o do Ministerio de Pesca e Agricultura, apuntan a que a intencionalidade podería estar detrás de 85% dos lumes que afectan a Galiza

No combate contra os incendios forestais, nomeadamente os intencionados, xoga unha función determinante a UIFO, unha unidade creada en 2021 e que depende da Consellaría de Medio Rural. A súa creación parte dun compromiso adquirido após a vaga de lumes de 2017, un compromiso, lembra en conversa con Nós Diario Manuel Couselo —axente facultativo ambiental, delegado sindical da CIG e membro da xunta de persoal— "de incluír tres prazas de nova creación en cada distrito forestal, en total 57 prazas con dedicación exclusiva como axentes investigadores da UIFO.

E isto non se cumpriu". Non hai 57 efectivos nesta unidade senón 15, e procedentes de amortizar prazas e detraéndoas dun dispositivo xa escaso (os 387 axentes ambientais pertencentes a Medio Rural) para crear con eles esta unidade. O traballo da UIFO nestes días permitiu deter dous incendiarios, en Coristanco (Bergantiños) e Calvos de Randín (A Limia). "Isto demostra que é necesario investigar pero precisamos máis persoal", apunta Couselo. "En período de moita actividade incendiaria non hai persoal abondo na Unidade" para atender no momento todos os lumes, denuncia.

Extinción

A CIG tamén demanda que se dote de máis efectivos a Unidade de Directores de Extinción (UDEX), xa que "a día de hoxe non están creados os postos na propia relación de postos de traballo (RPT) e tan só conta con seis especialistas en dirección de extinción, os cales de novo foron detraídos do persoal do dispositivo xunto coas súas prazas". Esta unidade, salienta Couselo, "é fundamental para poder facer fronte ás novas xeracións de incendios que están a sufrir os montes galegos nos últimos anos e que se comportan con maior velocidade de propagación e maior virulencia, o que os fai moito máis perigosos".

En 2023 houbo na Galiza 908 fogos —dos cales só 149 tiveron a categoría de incendios, os que afectan máis de unha hectárea—, queimando 6.774 hectáreas. Só 20 dos incendios dese ano superaron as 25 hectáreas. Ao presentar este balanzo, o daquela conselleiro de Medio Rural, José González, tivo unha mención especial ao labor da UIFO, un recoñecemento que, porén, non se traduce en dotalo do persoal comprometido