Unha tese da Uvigo afirma que a prensa en galego era dependente da española até a chegada de 'Nós Diario'

O primeiro número de 'Nós Diario', na rotativa.

Coa chegada deste mesmo ano, 2020, a lectura de prensa en galego deixou de ser “dependente e complementaria da española”. Foi debido á irrupción de Nós Diario no sistema mediático galego. Así o demostra a investigadora da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo Silvia Duarte, na súa tese de doutoramento A ideoloxía na para/tradución e nos transvases de información: análise da situación da prensa en galego, dirixida polos doutores Silvia Montero e Xoán Manuel Garrido.

A tese advirte de que mentres que o lector de prensa estatal se facía cunha “visión global do que acontece no resto do mundo, o da galega adquiría unha visión localista, rexionalista e, como moito, centralista”, en alusión ao Goberno estatal.

“Dado que a situación actual da prensa diaria en galego aínda estaba por estudar, a miña tese partiu da hipótese de que a inexistencia de xornais diarios de calidade en galego que lle ofrecesen ao lector da Galiza tanto novas de carácter local, como nacional e internacional na lingua propia, é a consecuencia da aplicación de forma continuada ao longo de séculos de políticas alleas aos intereses nacionais galegos", expón a investigadora nunha información publicada no Diario da Universidade de Vigo, Duvi. Duarte salienta que estas políticas encargáronse de obstaculizar o desenvolvemento do sentimento nacional, así como de reducir a lingua a un dialecto rexional.

Nós Diario e o "xornalismo vangardista"​

Para a realización desta investigación, Duarte empregou un corpus de estudo plurilingüe,  explica a Uvigo, obtido a partir de noticias da sección de política internacional de xornais escritos en inglés, alemán, español e galego -como The Guardian, El País, Die Welt ou Galicia Hoxe, e o foco da análise recaeu no estudo das manipulacións da información, sobre todo, nas realizadas en función de intereses nacionais de tipo económico-político. 

"En función dos intereses nacionais, todos os xornais, a excepción do galego, reflectían variacións de tipo ideolóxico en maior ou menor grao e de maneira explícita ou implícita. O único diario en galego naquel intre, Galicia Hoxe, era fiel á interpretación informativa que se recollía no xornal español, sen excepción, polo que non se reflectía unha perspectiva galega”, indica a autora da tese. 

Silvia Duarte salienta que Sermos Galiza S.A. mudou radicalmente a situación a partir do 2 de xaneiro de 2020, cando viu a luz Nós Diario en edición papel e dixital. “Sermos Galiza ofrece un xornalismo vangardista no territorio galego ofrecendo unha perspectiva galega da información e, polo tanto, representando os intereses do país”, recalca a investigadora.

Para a análise da situación diglósica do galego realizada no estudo, a autora reparou no nacionalismo histórico, así como na elaboración da normativa do idioma, prestándoselle especial atención á proposta reintegracionista e á proxección internacional. Neste sentido, Duarte destaca o feito de que este ano a Real Academia Galega lle dedique o Día das Letras Galegas a Ricardo Carvalho Calero, segundo expón o Duvi.

Un diario nado ao abeiro de 3.000 persoas

O 2 de xaneiro de 2020 saída do prelo o único diario en papel en galego, que pode atoparse nos quiosques de terzas feiras a sábados e os 365 días do ano con informacións actualizadas en nosdiario.gal. Vía a luz tras unha intensa campaña coa que se conseguiu sumar as 3.000 subscricións necesarias para facer viábel economicamente o proxecto.

Centrado nos intereses galegos, o medio de comunicación tomou o nome da revista Nós, da que veñen de facerse 100 anos e, como aconteceu con aquela publicación, o diario traballa por se situar na vangarda e por camiñar cara ao futuro.

Na procura de conseguilo, convida a toda persoa interesada a recibir onde o desexar ou a ler na nube os contidos do xornal mediante a subscrición, cuxas modalidades poden consultarse na páxina web.