Outra mina, de ouro, prata e chumbo, ameaza agora dúas reservas da biosfera

O Diario oficial de Galiza publicou xa a licenza de investigación outorgada pola consellaría de Industria a unha empresa de capital canadense. Afectaría os concellos de A Fonsagrada, Baralla, Baleira e Becerreá


A Xunta de Galiza outorgou xa licenza de investigación a outra mineira de capital canadense, Goldquest, para un proxecto que procura arrincar metais preciosos nun territorio que fai parte de dúas reservas da biosfera (Río Eo-Oscos-Burón e Terras do Miño) e que está repartido entre os concellos de A Fonsagrada, Baralla, Baleira e Becerreá. No concreto, a empresa busca ouro, prata, chumbo, cobre e cinc. 

Da información deu conta a Sociedade galega de historia natural (SGHN), após ver publicada no Diario oficial de Galiza (DOG) a resolución da licenza, malia que a empresa sostén que aínda non fixeron investigacións e que o proxecto se atopa aínda en fase de exposición pública. No anuncio que aparece no boletín da Xunta faise referencia a 68 cuadrículas mineiras, afectando xa as dúas reservas da biosfera antes nomeadas e un lugar de interese comunicario (LIC) na Serra de Foncuberta. Porén, fontes veciñais apuntan a que serán por volta de 400 as cuadrículas mineiras afectadas.

Perante o panorama, a SGHN solicitou xa ao Comité español das reservas da biosfera "unha avaliación científica urxente e obxectiva sobre o impacto deste permiso de investigación e a posíbel explotación mineira futura" e que os informes elaborados sexan remitidos á Unesco.