Unha campaña da Xunta identifica os refugallos orgánicos como ''non reciclábeis''

Adega considera que o PP e Ecoembes, promotores dos cartaces, incumpren a Lei de residuos e empregan esta información errónea para "xustificar a desastrosa xestión mediante a incineración e o vertido que practica Sogama". Por tanto, exixen a retirada da campaña


Unha campaña de sensibilización sobre os 3Rs promovida pola Xunta de Galiza e a empresa Ecoembes insta a depositar a materia orgánica no balde xenérico, de cor verde, ao identificala como "residuos que non se poden reciclar", canda os cueiros, os embases que non son de plástico ou pezas de roupa.

Perto da metade dos regugallos sólidos urbanos son materia orgánica, e son xustamente estes os máis doados de reciclar polo que con esta sensibilización emprendida pola Xunta o que se pretende é "xustificar a desastrosa xestión mediante a incineración e o vertido que practica Sogama".

Quen así o denuncia é a asociación ecoloxista Adega, que reclama a retirada da campaña Separemos ben, reciclaremos mellor "por faltar á verdade", para alén de "facer propaganda" do incumprimento da Lei 22/2011 de residuos no que atinxe á materia orgánica.

A citada normativa recolle a materia orgánica na definición da reciclaxe, e insta a fomentar a compostaxe para o tratamento destes refugallos e o compost como substitutivo dos fertilizantes químicos.