Recollerán sinaturas namentres queimar o lixo ''sexa a opción preferida da Xunta''

Imaxe: Ramsés Pérez
Aínda que o PP liquidase xa o proxecto do Irixo, o movemento ecoloxista galego e as plataformas veciñais que se opoñen a esta forma de tratamento dos residuos seguirán adiante coa súa intención de levar unha ILP ao Parlamento "pola aplicación efectiva dos 3Rs"

A campaña de recollida de sinaturas para presentar no Parlamento galego unha ILP --iniciativa lexislativa popular-- contra a incineración chega esta quinta feira ás principais cidades e vilas da Galiza. Adega atribúe á mobilización social a decisión da Xunta de finiquitar o proxecto do Irixo, mais adianta que pulará "pola aplicación efectiva dos principio de redución, reutilización e reciclaxe" dos residuos na Galiza namentres a incineración "siga a ser o sistema de tratamento preferido polo PP".

Así as cousas, en xaneiro de 2011 a Xunta aprobou o Plan de xestión de residuos urbanos de Galiza, cunha vixencia que iría de 2010 a 2020. Neste texto, os obxectivos fixados na Lei 10/2008, de residuos, cúmprense "só na teoría", ao destinar á prevención unicamente o 2,2% do orzamento total, fronte ao obxectivo de reducir o 10% dos residuos xerados que marca a lei. Para alén da norma galega, tamén a Directiva europea 2008/98/CE --incorporada á lexislación do estado en virtude da lei 22/2011-- promulda a "adopción real" dos 3Rs e a necesidade de avanzarmos "cara a unha sociedade do reciclado" para combater o cambio climático.

Con todo, a suma de todos os investimentos dedicados á prevención, información, educación ambiental, recollida selectiva e outras medidas de reutilización e reciclaxe supoñen o 18,1% do total contemplado no Plan de xestión aprobado polo PP. Pola contra, o 48% dos investimentos destínanse a unha nova planta de eliminación por incineración. A Xunta renunciou á intención de colocar no Irixo unha segunda Sogama, mais iniciou xa as negociacións co Goberno local para ampliar a planta incineradora de Cerceda.

 

Horarios e lugares onde haberá instalada unha mesa de recollida de sinaturas

  • Compostela => de 18 a 20 na praza do Toural
  • Pontevedra => de 18 a 20 na praza da Peregrina
  • Lugo => das 17 en diante na biblioteca do campus e na facultade de Veterinaria
  • Vigo => de 18 a 20 na rúa Príncipe, á altura do Marco
  • Lalín => de 18 a 20.30 na rúa Rosalía de Castro
  • Ourense => de 18 a 20 na rúa do Paseo, a carón da subdelegación de Defensa