Unha cadea humana abrazará o Hospital da Costa contra o seu desmantelamento

A plataforma SOS Sanidade da Mariña convoca máis unha acción de protesta en contra "da inminente aprobación" do decreto de xestión integrada que aprobará a Xunta. Exixen unha área de xestión que sexa propia da comarca


A plataforma SOS Sanidade da Mariña convoca máis unha acción de protesta en contra "da inminente aprobación" do decreto de xestión integrada que aprobará a Xunta. Exixen unha área de xestión que sexa propia da comarca.

Diante desta situación, o colectivo cidadán chama a unha manifestación que se realizará o vindeiro sábado ás 12.30h no propio centro hospitalario nun acto simbólico contra a norma de xestión Integrada provincial, "que acabará coas competencias na xestión autónoma da Mariña".

Será unha acción "en positivo" para mostrar a defensa da sanidade pública e por unha xestión sanitaria propia para a comarca mariñá simbolizando a demanda cunha 'aperta' ao hospital, unha protesta que se fará en silencio "por respecto aos pacientes".

SOS Sanidade A Mariña alerta de que coa publicación esta segunda feira do decreto de xestión integrada de Vigo "só queda por publicar o de Lugo" e entenden que a Xunta procederá a facelo "durante a próxima semana, aproveitando a relaxación por vacacións".

Desde a plataforma anuncian que a do sábado será "unha manifestación preventiva" e advirten que a publicación do decreto "non vai parar as demandas dunha mellor sanidade pública para a comarca". Ao contrario, anuncian novas mobilizacións.