Covida: unha APP galega para axudar persoas maiores no confinamento

Jacobo Cantorna é un dos impulsores da app Covida.
A empresa galega de desenvolvemento de software SquareetLabs, con sede en Compostela, vén de poñer en marcha Covida, unha "rede social de proximidade" para prestar axuda a persoas maiores nestas semanas de confinamento. A aplicación permite poñelas en contacto con voluntariado da súa contorna, que atende necesidades de comida, medicamentos ou traslados. Falamos con Jacobo Cantorna, un dos impulsores desta iniciativa, que xa ten máis de 3.500 persoas inscritas a nivel estatal. 

"Desde SquareetLabs traballamos moito con empresas con fins sociais", sinala o desenvolvedor de covida.app, que apunta en concreto a unha empresa de Euskadi procedente da Universidade de Mondragón, Kuvu, especializada en experiencias interxeneracionais e que xa tiña distintos estudos sobre a situación das persoas maiores que amosaban a alta taxa de xente sen ningún tipo de axuda directa.

"A fin de semana que comezou o estado de alarma puxémonos en contacto para ver de que forma podiamos atender a esta xente que quedaba a expensas de familiares ou amigos que lles puidesen atender necesidades. Démoslle unha volta e decidimos crear xuntos esta especie de rede social de proximidade", relata Cantorna. 

A finais de marzo tiñan unha primeira versión, que probaron en colaboración cunha entidade de voluntariado de Gran Canaria. Desde a semana pasada, a aplicación xeralizouse e hoxe contecta máis de 3.500 persoas, das que máis de 2.000 son maiores que reciben apoio e o resto, persoas voluntarias. Como destaca o programador, desde o seu lanzamento levan xa nove versións, que van incluíndo melloras que detectan as persoas que a empregan.

O mecanismo da APP é sinxelo: a persoa que precisa unha axuda concreta preme un dos botóns cos que a aplicación identifica as necesidades concretas. Esta lanza a petición entre a rede de persoas voluntarias inscritas nun radio de 25 quilómetros (configurábeis). A primeira que atende a petición ponse en contacto coa usuaria para tratar a súa demanda específica, e a aplicación fai un seguimento do proceso, incluída a valoración final. 

Para dar seguridade ao proceso, a plataforma conta cun software de recoñecemento de documentos. "Desta forma, a persoa voluntaria comeza por escanear a súa documentación (DI, pasaporte ou carné de conducir), que a aplicación comproba e almacena codificada. Desde ese momento a persoa empeza a recibir as notificacións", explica Cantorna. Ademais, cada certo tempo o sistema xeolocaliza, para facer seguimento da asistencia. 

Como expón o integrante en SquareetLabs, aínda que a adscrición de voluntariado é individual, existen asociacións que xa están colaborando coa APP, para asistir a persoas que non contan cos dispositivos que permiten solicitar a axuda. De feito, a Fundación Alares e o Teléfono da Esperanza teñen paneis na administración para poder dar de alta esta xente. "Moitos rexistros van a través desas asociacións", observa o desenvolvedor, que indica que as entidades que xa traballan con este colectivo fan o papel de mediación coas persoas que non teñen teléfono móbil, recollendo as súas demandas e trasladándoas á plataforma.