Un trailer fica suspendido sobre unha casa á altura de Pedrafita após un aparatoso accidente

O trailer accidentado en Pedrafita esta sexta feira (Foto: Garda Civil)
O 112-Galiza recibiu á primeira hora unha chamada de alerta na cal se informaba da colisión e de que un dos trailers implicados ficou cruzado sobre a calzada e semisuspendido nun noiro.

Un accidente de tráfico no cal se viron implicados dous camións e un turismo obrigou esta sexta feira a cortar a N-6 na saída de Pedrafita do Cebreiro, despois de que un dos vehículos, un trailer de grandes dimensións, se cruzase na estrada e ficase suspendido sobre unha vivenda.

O suceso aconteceu na mañá desta sexta feira, no tramo da N-6 que sae de Pedrafita e que actualmente se ven obrigados a utilizar todos os vehículos que entran ou saen da Galiza por este punto, dado que a autovía A-6 está cortada polo derrubamento do viaduto do Castro.

De feito, segundo informaron fontes de Emerxencias, o accidente ocorreu xusto sobre o núcleo do Castro, do municipio de Vega de Valcarce.

O 112-Galiza recibiu á primeira hora unha chamada de alerta na cal se informaba da colisión e de que un dos trailers implicados ficou cruzado sobre a calzada e semisuspendido nun noiro.

Os efectivos do 112-Galiza derivaron entón a chamada aos de emerxencias de Castela e León, dado que se trata do seu ámbito de competencia.

Ao lugar mobilizáronse efectivos da Garda Civil, para cortar e sinalizar a estrada, e persoal sanitario, que atendeu dous feridos leves.

No lugar despregouse tamén un importante operativo para retirar o trailer, así como para reordenar o tráfico. Segundo informa a Dirección Xeral de Tráfico, a circulación en sentido Madrid ficou cortada por este punto e estase desviando aos vehículos pola estrada antiga.