Un mínimo de 20 prostitutas foron asasinadas no Estado español entre 2010 e 2012

Cando menos 20 prostitutas foron asasinadas.

O portal web Feminicidio.net denuncia que o goberno só cataloga como violencia de xénero os asasinatos perpetrados polas parellas ou ex-parellas das vítimas. A invisibilidade ou o sensacionalismo, a tónica dominante nos medios

O portal de Internet Feminicidio.net vén de publicar un informe chamado ‘Feminicidio por prostitución en España: Violencia de Xénero Ignorada’. A investigación conclúe que, como mínimo, 20 foron os casos de prostitutas asasinadas no estado español entre os anos 210 e 2012. Non están contabilizados, con todo, os crimes cometidos no 2013, no contexto dunha semana especialmente tráxica que nos deixou dúas prostitutas mortas en Bilbo.

Destes 20 asasinatos, sete producíronse en Andalucía, seis foron rexistrados en Valenica, catro en Catalunya, un en Madrid e outro en Castela A-Mancha. A Galiza, con todo, non rexistou ningún caso no período investigado.

Destes 20 casos só un deles está rexistrado nas estatísticas sobre violencia machista

Porén, avisa o estudo, o goberno só cataloga nas cifras oficiais como asasinatos por violencia de xénero aqueles que foron perpetrados pola parella ou ex-parella da vítima. De feito, de entre estes 20 casos, só un aparece rexistrado nas estatísticas oficiais sobre violencia machista.

En contraste Feminicidio.net, tirando da hemeroteca de xornais nacionais, rexionais e locais e outros medios dixitais, constatou que 19 dos 20 asasinatos a prostitutas foran perpetrados por homes e, só nun dos casos, a vítima morrera a mans dunha muller.

O estudo determinou, aliás, que 17 dos crimes eran feminicidios por prostitución, é dicir, que foron perpetrados por un cliente e 2 eran feminicidios íntimos, ou a mans da parella ou ex-parella da vítima. Tres casos inda fican sen resolver.

Novas, estranxeiras e vítimas do asañamento

Confirma o estudo que a maioría das vítimas eran novas e estranxeiras, condicións que inda aumentan o xa por si enorme “estado de vulnerabilidade social e/ou legal” que é inseparábel da súa profesión.

Amais, afirma a investigación, os seus corpos foron obxecto dun “asañamento brutal”, un perfil que pon os asasinatos das prostitúas á beira dos feminicidios íntimos, malia que o goberno non o faga.

Os medios, cómplices

Tampouco os medios de comunicación relacionan estes crimes coa violencia machista, sendo a tónica dominante a do silencio ou a do tratamento morboso nas páxinas de sucesos.

Analiza o informe que, namentres os asasinatos contra mulleres perpetrados pola parella ou ex parella “ocupan as portadas” da prensa e acadan grande visibilidade nos medios dixitais, os feminicidios por prostitución son minimizados quer relegándoos “a un espazo secundario nas páxinas de sucesos” quer cun tratamento sensacionalista e morboso que “reafirma a cousificación dos corpos das vítimas” e a condición patriarcal do cliente sobre as “mulleres públicas”.