Un instituto público de Lugo promociona as aulas de relixión

Un profesor coloca cartaces polo centro de ensino animando a que o alumnado se matricule nesta materia, a "principal beneficiada" na LOMCE, segundo denuncian os Comités

Un centro de ensino público de Lugo promociona a relixión colocando cartaces en que convida o alumnado a "apuntarse" a aulas desta materia. "Recuerda que puedes cambiarte cuando quieras", acrecenta, en castelán e escrito a bolígrafo, segundo a fotografía difundida pola organización estudantil Comités.

Critican que sexa xustamente esta materia "a principal beneficiada" da contrarreforma educativa impulsada polo ministerio que dirixe José Ignacio Wert e que viu a luz no Consello de ministr@s do 17 de maio, a LOMCE.

O estudantado apela "ao principio democrático da laicidade inexcusábel" que debe rexer nas institucións públicas en xeral e nas escolas en particular para solicitar que se extingan os "privilexios" á Igrexa católica "que ateigan o ensino". Por tanto, consideran a iniciativa deste profesor lucense "descarada e que supera a ética, a decencia e a legalidade".