Un incendio na antiga nave de Massó, en Cangas, calcina por completo as súas oficinas

A antiga nave de Massó, en Cangas, antes do incendio (Foto: Concello de Cangas).
Tiveron que usarse para a extinción do fogo uns 3.000 litros de auga, ao haber moito material de madeira no interior. Isto provocou, ademais, que a segunda planta das oficinas caese abaixo.

Un novo incendio rexistrado na antiga nave da conserveira Massó en Cangas (O Morrazo) calcinou por completo as súas oficinas, situadas no centro da planta, que se atopa tapiada desde hai meses.

Tal como informaron fontes de Protección Civil da localidade, o fogo desatouse minutos antes das 23 horas desta pasada cuarta feira e foi a Policía Local a que deu o aviso, despois de que varios cidadáns alertasen de que saía fume das instalacións, que agora pertencen a unha entidade financeira.

Unha vez no punto, os servizos de emerxencia accederon á planta, decatándose de que o lume afectaba as oficinas da mesma, que teñen dúas plantas e se localizan no centro da factoría.

As mesmas fontes explicaron que tiveron que usarse uns 3.000 litros de auga para sufocar as chamas, ao haber moito material de madeira no interior. Isto provocou, ademais, que a segunda planta das oficinas caese abaixo.

Extinción do fogo

Tras case dúas horas, o lume foi totalmente apagado. Na intervención, ademais de voluntarios de Protección Civil, tamén interveu o servizo municipal de emerxencias.

A pesar de que se descoñecen as causas, fontes apuntan a que o lume podería deberse a unha persoa externa, que entraría na planta e deixaría algún resto prendido, sen descartar que fose provocado, xa que "non hai electricidade" na nave e chovía de forma abundante na xornada desta cuarta feira.

Este non é o primeiro incendio que se rexistra na antiga factoría de Massó. Sen ir máis lonxe, o pasado mes de agosto detectouse un incendio na gardería anexa á planta.