Emocionante e sentida despedida aos últimos migrantes acollidos en Sanxenxo

Migrantes procedentes de Canarias deixan o hotel Baixamar para partir ao campamento de Accem, esta terza feira. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
Agora estas 22 persoas porán rumbo ao campamento permanente de Accem en Alcalá (Madrid), onde agardan seguir avanzando no seu proceso de integración.

Os últimos 22 inmigrantes procedentes do Sahara que quedaban aínda acollidos de forma temporal na localidade de Sanxenxo (O Salnés) partiron esta terza feira rumbo ao campamento permanente de Alcalá, en Madrid, tras algo máis dun mes en terras galegas, un período no que participaron en distintas actividades, ademais de acudiren a clases de lingua castelá.

Eran pouco antes das 9 horas de hoxe cando o grupo de inmigrantes subía a un autobús con destino Madrid. Na capital española aloxaranse nun campamento de longa estancia da ONG Accem en Alcalá, dado que a súa estadía en Sanxenxo era unicamente unha medida temporal de emerxencia decretada polo Goberno español. No municipio galego vivíronse esta mañá escenas de emoción, sentimento e moitas apertas na despedida dos migrantes, á que acudiron todos os membros da ONG que os acompañaron na súa estancia galega.

Os mozos manifestaban ao subiren ao autobús a súa preocupación "polo frío" de Madrid, aínda que estaban "ilusionados" de poder avanzar no seu proceso para poder optar a traballar dentro do Estado español e así obter o permiso de residencia ou mesmo, nun futuro, a nacionalidade que os convirta en cidadáns e cidadás de pleno dereito.

A situación de colapso pola chegada masiva de inmigrantes a Canarias levou o Goberno estatal a finais do mes de outubro a anunciar que se distribuirían varios grupos en distintas comunidades autónomas de forma temporal. Malia que inicialmente chegou a falarse de até 350 persoas para Galiza, a inicios de novembro foron desprazados 40 inmigrantes ao Porriño, unha decena a Sobrado dos Monxes e 54 a Sanxenxo.

Procedían de distintos puntos do continente africano, pero fundamentalmente de Senegal, así como de Mali, Guinea Bissau e Guinea Conakri. Destes, a maior parte xa foron recalando no campamento de Madrid, tendo en conta que o aloxamento temporal estimábase de arredor dun mes. Os últimos 22, de Sanxenxo, partiron esta mesma mañá.

Deporte, idioma e visitas

Durante a súa estancia en Sanxenxo, os migrantes realizaron numerosas actividades e recibiron a visita de membros da corporación. Así, asistiron a clases de castelán diariamente nas proximidades do hotel no que estiveron aloxados, o Baixamar, e practicaron deporte nas instalacións do Centro Cultural de Dorrón.

Tamén tomaron parte en iniciativas con membros de Policía Local e Grupo de Emerxencias, como formación en primeiros auxilios e seguridade viaria ou unha visita á base de Emerxencias. Más recentemente, coincidindo co Día Internacional do Migrante, o colexio Magaláns de Dorrón organizou unha xornada de convivencia entre os escolares e o grupo de inmigrantes.