A piques de acadar o obxectivo óptimo de 20.000 euros

Últimos días para participar na campaña de micromecenado para o filme de Moncho Reboiras

Rodaxe 'Reboiras. Acción e corazón'

Ás 00:00 horas do 30 de setembro remata a campaña de recollida de fondos a través da rede para facer realidade o primeiro filme sobre a vida de Moncho Reboiras, a última vítima mortal da ditadura franquista na Galiza. Unha campaña que arrancou o pasado 1 de agosto e que está moi perto de acadar o obxectivo marcado como óptimo pola Fundación Terra e Tempo, produtora do filme: 20 mil euros. A película estrearase en 2020, con motivo do 45 aniversario do asasinato en Ferrol do militante nacionalista.

A longametraxe Reboiras. Acción e corazón estrearase en 2020, levando a vida de Moncho Reboiras á pantalla. Testemuños de múltiples persoas que o coñeceron serán o cimento da primeira película sobre este militante nacionalista, última vítima mortal da ditadura franquista na Galiza. Un filme documental escrito e dirixido por Alberte Mera e producido pola Fundación Terra e Tempo.

Para facer realidade este proxecto o pasado 1 de agosto iniciouse una campaña de micromecenado para reunir os 20.000 euros necesarios para ese obxectivo. Unha campaña que remata ás 00:00 horas da vindeira segunda feira, 30 de setembro, e que está moi perto de acadar a cantidade requerida como ‘óptima’.

A falta de seis días para cumprir o prazo xa se conseguiron grazas ao apoio e chegas de case 400 cofinanciadores e cofinanciadoras máis de 18.000 euros. Todas as persoas que desexen colaborar na produción da longametraxe documental -que suporá un retrato fiel da vida de Reboiras desde a vertente humana e política- poden facelo a través desta páxina web de doazóns, que permite desgravar entre un 30 e un 75% do importe doado.

Todas as persoas que colaboren no micromecenado serán consideradas partícipes do audiovisual e serán nomeadas como tal nos créditos. Alén disto, recibirán información puntual sobre os avances dos traballos. Poderán facerse doazóns de 10, 20, 50, 200 e 500 euros.

En función da cantidade achegada, as persoas doantes recibirán distintos obsequios. Quen doe 10 euros será mencionado nos créditos do filme; quen doe 20 recibirá en soporte físico o filme e a reedición do libro Moncho Reboiras. O nacionalismo galego nos anos 70 nun novo número da revista Terra e Tempo, acompañada de fotografías da rodaxe e novos documentos. Quen se decante por 50 euros, recibirá, alén do anterior, as obras escollidas de Bautista Álvarez en tres volumes e o documentario Cine Clube Carlos Varela de Ramiro Ledo.

Quen opte pola opción de 200 euros, alén do anterior, será recompensado cunha serigrafía numerada e asinada do óleo/cartón de Xoán Guerreiro Xurdiu a luz nunha longa noite de pedra, Faro de Touriñán alumeando, Xove, marzo de 2014, 50x70 cm. Serie limitada. E quen doe 500 euros, a maiores do anterior, poderá asistir a unha sesión de rodaxe para dúas persoas.

Inicio da filmación

Os traballos de filmación da película comenzaron a inicios de agosto coa gravación en Teo da primeira das entrevistas: a Elvira Souto e Lois Ríos, as dúas últimas persoas coas que Reboiras se atopaba antes do seu asasinato. Os tres estaban xuntos o 12 de agosto de 1975 nun piso de Ferrol cando se decataron da chegada da policía franquista e cando tiveron que emprender a fuxida.

Vida e pensamento

A memoria de Reboiras, que se converteu moi cedo en destacado membro da Unión do Povo Galego (UPG), daquela como partido na clandestinidade, construirase a través da gravación e recompilación de diversos materiais: con máis de quince testemuños de persoas que o coñeceron persoalmente e partillaron con el vida persoal e ou política; coa recreación de momentos clave na súa vida como a fuxida do 12 de agosto ou os últimos momentos no portal; con materiais de arquivo xa existente e documentos recollidos a través do traballo de investigación para a realización do guión e cos espazos que Reboiras habitou, nos que se realizarán parte das entrevistas e inspirarán os escenarios dos fragmentos reconstruídos.

A Fundación Terra e Tempo pon de manifesto que atopa necesario realizar esta peza “para dar a coñecer un anaco da nosa historia recente”. “Un exercicio de xornalismo, investigación e creación cinematográfica que facilita o acceso cidadán a arquivos históricos e impulsa a investigación do noso pasado e presente”.