Ultimato de Educación aos sindicatos con medidas de mellora "insuficientes"

Integrantes da mesa sectorial, nunha xuntanza decorrida o pasado 2 de outubro. (Foto: Xunta da Galiza)
CIG e ANPE critican as modificacións, e CCOO considera "positivas" as novas achegas

Consellaría de Educación e sindicatos de ensino mantiveron esta sexta feira, 6 de outubro, a terceira –e última– das xuntanzas nas que buscaban negociar un paquete de medidas de mellora nas condicións laborais do profesorado

Deste encontro –que, por decisión unilateral da Consellaría, será o último– o Executivo galego saíu cunha nova proposta que inclúe unha baixada do horario lectivo dunha sesión semanal para o profesorado de Infantil e Primaria, o incremento do complemento de sexenios a 20%, a inclusión do alumnado repetidor no cómputo das ratios e o adianto da suba no complemento das titorías, que sería efectivo con 10% en 2024 e con outro 10% en 2025.

Na súa última intervención, os representantes da Consellaría confirmaron que a desta sexta sería a última xuntanza e que se limitaría a incorporar "algunha novidade" nun documento "final" que remitirá aos sindicatos na segunda feira. Aclarando tamén que, no caso de que ningunha organización sindical asinase o documento final, retirarían a proposta de acordo e non se aplicaría ningunha medida de mellora.

Proposta "inaceptábel"

Ante esta proposta que a CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, cualificou de "inaceptábel", a central sindical nacionalista fixo unha intervención crítica lembrando que o que demanda é "nin máis nin menos que recuperar os dereitos que xa tivo o profesorado galego e que levan máis dunha década recortados". 

Desde a CIG cuestionaron tamén que Educación manteña a proposta de rebaixar as ratios e o horario lectivo só en Infantil e Primaria, "excluíndo" 60% do profesorado galego, que imparte aulas en Secundaria, Bacharelato e FP. "Se os recortes foron para todo o profesorado, a recuperación de dereitos ten que ser xeral e nos mesmos prazos", denunciaron os representantes do sindicato. 

Ademais, a central sindical foi moi crítica con que non se pretenda iniciar a negociación do calendario de aplicación de redución de ratios na ESO e no Bacharelato até que remate a implantación en Infantil, isto é, até o curso 2027/28. "Estariamos ante un escenario no que o profesorado de Secundaria non vería rematada esta medida até o curso 2038/39, de agardarse a que remate a aplicación en Primaria", afirmou.

Finalmente, a CIG-Ensino fixo un chamamento ao resto de sindicatos para "non ceder á chantaxe da Consellaría" e convocar unha folga unitaria na que "se lle dea voz ao profesorado para mobilizarse", sen que até o momento ningunha outra organización sindical se sumara á proposta da CIG.

"Podemos asegurar que o que persegue a Consellaría de Educación con esta proposta é que o seu efecto teña o menor impacto posíbel a nivel orzamentario e a menor incidencia na mellora das condicións laborais". Así resumiu a CIG a xuntanza desta sexta feira.

Modificacións "positivas"

CCOO-Ensino, segundo sindicato en representación, valorou positivamente as modificacións introducidas pola Administración galega no terceiro documento presentado esta sexta feira. "Recolle emendas propostas por CCOO e as outras organizacións sindicais que decidiron participar activamente durante todo o proceso de negociación", valoraron.

Destacaron, entre outras, a redución das ratios en ESO e Bacharelato –que se negociaría no curso 27/28– ou a reactivación do Acordo de Agrupamentos para as aulas que escolaricen alumnado de diferentes niveis. Con todo, o sindicato non adiantou se apoiará ou non o documento, mais someterá "democraticamente aos seus órganos de decisión a sinatura ou non" da proposta.

"Liñas vermellas" 

Pola súa parte, ANPE considerou a proposta "insuficiente". "Continúan a faltar temas importantes, que para a nosa organización seguen a constituír liñas vermellas, para poder chegar á sinatura dun acordo", afirmaron esta sexta feira os representantes do sindicato.

Non obstante, valoraron positivamente a retirada do calendario de aplicación da redución das ratios, que era "inasumíbel". "A incorporación dos novos puntos propostos fan que a redución de ratios comece de modo inmediato nunha ampla porcentaxe de centros educativos galegos", afirmaron eta sexta desde ANPE.