O 'Vila de Pitanxo' levaba dous tripulantes máis dos permitidos

pitanxo2
O patrón da 'Vila de Pitanxo', Juan Padín, asegurou que unha parada repentina do motor foi a causa do naufraxio, unha versión que se contrapón coa de Samuel Kwesi, un dos tres sobreviventes, que afirmou que o aparello se quedou embarrado no fondo do mar.

O informe provisional que publicou a Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim) (dependente do Ministerio de Transportes) vén de achegar nova información acerca dos feitos acontecidos no afundimento do pesqueiro galego Vila de Pitanxo.

Neste informe apúntase que o barco levaba 24 tripulantes no momento do naufraxio, aínda que o número máximo autorizado de persoas a bordo era de 22. "O número de traxes de supervivencia, segundo os certificados, era de 22", indica.

E na Capitanía Marítima de Vigo "non figura ningún expediente de solicitude de aumento de tripulantes para este buque, nin de enrole de persoal alleo á tripulación para esta viaxe".

25 tripulantes

Pero o feito é que no barco chegou a haber 25 tripulantes, pois partira rumbo a Terranova con esta cifra, pero o 3 de febreiro (12 días antes do sinistro) un deles "é transferido ao pesqueiro Río Caxil", polo que quedan a bordo 24 persoas.

Sobre este punto, no texto que agora publica a Ciaim recóllese que a armadora, Pesqueiras Nores, chegou a asegurar ao ser informada do naufraxio que só había 22 tripulantes, "cifra que coincide co número de persoas enroladas, pero non co de tripulantes que realmente ían a bordo, como se puido comprobar".

Previamente, antes da viaxe houbo un cambio de mariñeiro debido a que unha das probas PCR á tripulación dera resultado positivo.

A última posición do barco

A investigación provisional do afundimento do 'Vila de Pitanxo', con 21 falecidos e tres sobreviventes, indica que na súa última posición navegaba a 2,6 nós de velocidade no medio dun temporal con ondas de até 10 metros mentres "a arte de pesca, que aínda non se virou e contén as capturas das últimas horas de arrastre, exerce un forte tiro sobre as pastecas de arrastre".

Este organismo lembra que non haberá un estudo completo do naufraxio -ocorrido o 15 de febreiro de 2022 a 250 millas ao leste de Terranova (Canadá)- até que se baixe ao pecio, ademais dos ensaios que se realizan cun modelo do buque a escala.

O patrón da 'Vila de Pitanxo', Juan Padín, asegurou que unha parada repentina do motor foi a causa do naufraxio, unha versión que se contrapón coa de Samuel Kwesi, un dos tres sobreviventes, que afirmou que o aparello se quedou embarrado no fondo do mar, o que propiciou que comezase a entrar auga no barco e finalmente se parase o motor.

A investigación apunta agora que no seu último sinal o barco superaba os dous nós de velocidade.

Respecto diso, a portavoz das familias, María José de Pazo, remarcou que este informe "non é o definitivo", polo que pide esperar ao que "sempre" solicitaron, que é baixar ao pecio, para que "non quede ningunha lagoa por explorar" e "poida ser beneficioso para saber a verdade deste naufraxio".

As familias dos 21 mariñeiros falecidos o 15 de febreiro de 2022 en Terranova defenden con insistencia que se "esclarezan os feitos" en relación a un suceso polo que está a ser investigado, como presunto autor de 21 delitos de homicidio por imprudencia grave, o patrón do barco, Juan Padín.