Plataformas contra Altri urxen a Xunta a "dar carpetazo" á celulosa
As plataformas Ulloa Viva, Defensa da Ría de Arousa e Mina de Touro-O Pino Non chamaron esta quinta feira a encher de novo Compostela o 14 de decembro para frear "de maneira definitiva" o proxecto de Altri en Palas de Rei (A Ulloa), que consideran unha ameaza ambiental e social de primeira orde para o Ulla, a ría de Arousa e os sectores produtivos do país.
As plataformas Ulloa Viva, Defensa da Ría de Arousa e Mina de Touro–O Pino Non chamaron esta quinta feira participar na mobilización do domingo 14 de decembro, reclamando "pór fin dunha vez por todas" á "ameaza" da macrocelulosa que a multinacional Altri proxecta en Palas de Rei (A Ulloa). Un ano despois da manifestación histórica na que 100.000 persoas percorreron as rúas da capital galega, os colectivos chaman de novo a "colapsar Compostela" fronte a un proxecto que consideran incompatíbel coa saúde ambiental do país e coa continuidade do seu tecido produtivo.
A marcha partirá da Alameda e chegará ao Obradoiro, onde as plataformas prevén erguer un "bosque galego" simbólico como denuncia polo risco que, ao seu xuízo, supón Altri para os ríos, a biodiversidade e os modos de vida da veciñanza. Centos de paraugas convertidos en carballos, castiñeiros ou sobreiras acompañarán a mobilización baixo o lema "Altri Non. Fóra Xa! — Desde o río ata o mar, polas que somos e polas que virán".
O presidente da Plataforma Ulloa Viva, Juan Pedro Sánchez, advertiu de que a cidadanía continúa " preocupada" porque, malia os distintos informes e rexeitamentos emitidos nos últimos meses, a Xunta da Galiza "non dá o carpetazo definitivo" ao proxecto nin garante a "tranquilidade" das comarcas afectadas. Sánchez pediu ao Goberno galego "que volva ao sentido común" e que dea prioridade á saúde pública, a xestión responsábel dos recursos hídricos e o uso sustentábel da terra. "Se non é capaz de garantir o futuro das nosas nenas e nenos, que deixe sitio a quen si o poida facer; non se pode seguir martirizando un pobo que só quere vivir ben e respectar o territorio", afirmou.
Desde a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, o seu presidente, Xaquín Rubido, alertou de que a macrocelulosa de Palas de Rei sería "a pena capital" para a ría. Rubido subliñou que a situación xa é "crítica" polo abandono das competencias por parte da Xunta, que ao seu xuízo favorece a destrución do modelo produtivo tradicional para substituílo pola acuicultura industrial. Engadiu que o proxecto de Altri implicaría verter diariamente 65 toneladas de produtos químicos ao Ulla, así como unha enorme demanda de auga e contaminación térmica a 27 ºC, factores que considera incompatíbeis coa supervivencia do marisqueo e da mexilla. "Construír esta planta é sacrificar o tecido produtivo da ría, o sector agrogandeiro e o Camiño de Santiago", advertiu.
Na mesma liña se expresou Che Cancelo, voceira da Plataforma Veciñal contra a Mina de Touro–O Pino, quen lembrou que o Ulla "é a arteria coronaria que lle dá osíxeno ao corazón do país". Para Cancelo, os proxectos de Altri e da mina de Touro constitúen "os maiores perigos ambientais da Galiza actual". A activista denunciou que, mesmo coa antiga mina fechada, continúan chegando residuos contaminantes á ría de Arousa, e preguntou "quen se beneficia " destes proxectos, concluíndo que non é o pobo galego, senón intereses privados que "levarán a riqueza para fóra e só deixarán contaminación e destrución".
As tres plataformas fixeron un chamamento conxunto á participación masiva o 14 de decembro e apelaron á responsabilidade colectiva. "Queremos seguir vivindo neste país e deixarlle ás nosas fillas e netos un territorio habitábel, sen contaminación e con dignidade", concluíu Cancelo. A mobilización pretende, unha vez máis, mostrar a contundencia social contra a instalación da macrocelulosa e exixir á Xunta que descarte definitivamente o proxecto.