Ulloa Viva anima a cidadanía a presentar alegacións contra Altri e pide á Xunta ampliar o prazo

Actividade organizada por Ulloa Viva. (Foto: Europa Press)
Xulio Fernández chama a "seguir dando loita" contra o Proxecto Gama da compañía lusa.

A plataforma Ulloa Viva anima a cidadanía a presentar alegacións contra o proxecto de celulosa e de fibras téxtiles que a compañía Altri quere instalar no municipio de Palas de Rei, ao tempo que pide á Xunta da Galiza ampliar o prazo de presentación, que conclúe a vindeira cuarta feira, 17 de abril.

Así o demandou o portavoz da plataforma, Xulio Fernández, á conclusión de varias actividades lúdicas organizadas pola entidade este sábado nos concellos veciños de Agolada e Santiso para dar visibilidade ao rexeitamento de numerosos veciños e veciñas da contorna a esta iniciativa.

Fernández apelou á veciñanza a que lle exixa á Consellaría de Industria que amplíe os prazos para presentar alegacións, e animou todas as persoas presentes a "seguir dando loita" contra o Proxecto Gama da compañía lusa.

Segundo trasladou a entidade, perto de 400 persoas chegadas desde distintos puntos da Galiza participaron este sábado nesta actividade, na que as e os asistentes se dividiron en tres grupos para realizar roteiros a pé, en bicicleta e en kaiak.

Durante esta xornada, tamén se organizou un encontro informativo no que tomaron a palabra, ademais do portavoz da plataforma, o biólogo Xurxo Mariño, o xeógrafo Antonio Presas e o enxeñeiro agrónomo Xoán Castro.