Medio Ambiente

Ulloa Viva chama de novo a paralizar o proxecto de Altri e celebra as "dúbidas" do PP sobre a 'macrocelulosa'

Membros da Plataforma Ulloa Viva no encontro coa prensa do PP hoxe en Palas de Rei. (Foto: Nós Diario)
O colectivo veciñal agradece que "por fin o alcalde de Palas recoñeza que é normal que haxa voces discordantes".

A Plataforma Ulloa Viva celebra que o seu "traballo de información á veciñanza" arredor do proxecto industrial de Altri en Palas de Rei (A Ulloa), que cualifican de "desastre ambiental e socioeconómico", fixese "mella até nos responsábeis do PP da provincia de Lugo". Algúns membros da plataforma e outros veciños achegáronse a título persoal na mañá desta terza feira a un encontro cos medios en Palas dos populares encabezado pola presidenta provincial do partido, Elena Candia, para amosar o seu rexeitamento a esta 'macrocelulosa'.

"Celebramos que por fin até ao PP lle entrasen as dúbidas a respecto deste proxecto, que vaian levar mocións a todos os plenos municipais para escoitar a todas as forzas políticas e que acepten que haxa voces discordantes ao respecto", sinalan, nun comunicado. Diante deste "cambio de actitude" dos populares a Plataforma Ulloa Viva reclama á Xunta da Galiza que paralice a tramitación administrativa do proxecto Gama, que está en exposición pública para a súa Declaración de Impacto Ambiental (DIA) e declaración de utilidade pública desde o pasado 4 de marzo, e cun prazo de alegacións que remata o vindeiro 17 de abril.

Desde Ulloa Viva consideran que é preciso suspender a tramitación administrativa deste proxecto na Xunta, "xa que dende o propio PP de Lugo aseguran que aínda están a analizar os impactos deste proxecto na zona e mesmo o alcalde de Palas [Pablo Taboada] explicaba hoxe que estamos a falar da primeira fábrica de fibras téxtis de España e a segunda de Europa, cando no Diario Oficial da Galiza (DOG) di que Altri vai fabricar o dobre de celulosa que de lyocell, polo que estamos en realidade a falar de instalar a 'macrocelulosa' máis grande de Europa no corazón da Galiza", censuran.

Cambio de postura

A Plataforma Ulloa Viva saúda este "interese" que "agora semella amosar o PP" polo proxecto de Altri en Palas de Rei, logo de escoitar este mes declaracións de dirixentes da Xunta cualificándoo como "proxecto estratéxico, tractor, redondo e supersostíbel". "Hoxe a presidenta provincial do PP dixo en Palas que o seu partido busca unanimidade arredor deste proxecto e a plataforma veciñal celebra este cambio de postura e convida o PP a paralizar a tramitación administrativa do mesmo para buscar esa unanimidade", engaden.

Desde o colectivo "aclaran" ao PP de Lugo que hoxe falou en Palas de que "o de Altri é un proxecto de economía circular", que ese foi o PERTE ao que nun principio pretendeu optar a empresa para captar 250 millóns de euros de fondos europeos, "pero os senadores do PP deberían saber que o pasado mes de febreiro na Cámara Alta o ministro de Industria en resposta a Xosé Manuel Barreiro dixo que agora o proxecto concorre ao PERTE da descarbonización", din.

Ulloa Viva celebra que o propio alcalde de Palas "recoñeza que é normal que haxa voces discordantes" e que "estamos en período de exposición pública para presentar alegacións". Con todo, a plataforma recoméndalle que, "como lle explicaron os xornalistas, se le o DOG verá que Altri quere producir o dobre de celulosa que de lyocell, polo que a de Palas pretende ser unha 'macrocelulosa' dez veces maior que Ence".

A preguntas dos xornalistas a respecto da afectación deste proxecto ao Camiño de Santiago, o alcalde de Palas falou das "medidas correctoras" que no proxecto da empresa figuran para esta afectación, en realidade só unha medida que é "un cinturón de árbores autóctonas". Desde Ulloa Viva entenden que o propio rexedor, ao anunciar hoxe que as estudaría "e se se pode, melloralas", está a "recoñecer a afectación de Altri desastrosa para a actividade socioeconómica arredor do Camiño Francés". Un argumento que para Ulloa Viva supón "un motivo máis para paralizar a tramitación administrativa deste proxecto por parte da Xunta".