Medio Ambiente

Ulloa Viva cualifica de "desastre ambiental" o proxecto de Altri en Palas de Rei

Unha das fincas de Agolada (Deza) afectadas polo proxecto de canalización de auga de Altri. (Foto: Nós Diario)
A plataforma acusa a Xunta de pór "os criterios económicos por riba da protección do medio ambiente e a saúde da cidadanía".

A Plataforma Ulloa Viva denunciou esta quinta feira a través dun comunicado que o proxecto para a instalación da fábrica de fibras téxtiles da empresa Altri en Palas de Rei (A Ulloa) representa "un desastre ambiental", e acusou a Xunta da Galiza de "defender o indefendíbel" ao xustificar a captación de "46 millóns de litros de auga ao día" do encoro de Portodemouros por tratarse dun "proxecto tractor" para a economía.

"Só o feito de que unha empresa capte tal cantidade de auga xa vai contra o medio ambiente, porque non é posíbel manter o ecosistema sen esa inxente cantidade de auga", valorou ao respecto a portavoz da plataforma, Marta Gontá.

A reacción de Ulloa Viva chega tan só un día despois de que a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, defendese os criterios ambientais do proxecto da multinacional lusa —actualmente en fase de exposición pública— e afirmase que o "volume de auga" extraído do encoro será "reutilizado".

"O proxecto exposto pola Xunta deixa claro que Altri vai a verter ao Ulla 30 millóns de litros de auga a dous quilómetros da zona de captación. Eses 30 millóns de litros son unha vertedura de auga contaminada, tratada pero contaminada", denuncian desde a plataforma, ao tempo que afean ao Executivo galego a súa "falta de información e transparencia" cos veciños e veciñas da comarca sobre "a dimensión do desastre ambiental que Altri quere perpetrar na Ulloa".

A Plataforma Ulloa Viva, que expresou tamén a súa preocupación pola "contaminación atmosférica" que a actividade da fábrica pode provocar no territorio, lamentou, en palabras da súa portavoz, que a Xunta poña, en relación ao proxecto de Altri, "os criterios económicos por riba da protección do medio ambiente e a saúde da cidadanía".