A UE investiga catro eventos de trombos graves após recibir a vacina de Janssen

Mostras da vacina de Janssen (Imaxe: Europa Press).

A Axencia Europea do Medicamento (EMA, polas súas siglas en inglés) anunciou na sexta feira que o Comité de Avaliación de Riscos de Farmacovixilancia investiga catro eventos tromboembólicos graves despois de recibir a vacina contra a Covid-19 de Janssen.

Após advertir do vínculo entre a inoculación da vacina de AstraZeneca e casos infrecuentes de trombos, a Axencia Europea do Medicamento (EMA) pon agora o foco na vacina de Janssen, de Johnson & Johnson.

Concretamente, notificáronse catro casos graves de coágulos sanguíneos inusuais con plaquetas baixas en sangue despois da vacinación.

Un caso ocorreu nun ensaio clínico e tres casos ocorreron durante o lanzamento da vacina nos Estados Unidos de América. Nun destes casos, o paciente faleceu.

Segundo o informe do 6 ao 9 de abril publicado polo Comité de Avaliación de Riscos de Farmacovixilancia, comezouse unha revisión para avaliar informes de eventos tromboembólicos -formación de coágulos sanguíneos que provocan a obstrución dun vaso- en persoas que recibiron a vacina Covid-19 de Janssen.

Non está clara a asociación causal

"Estes informes apuntan a un "sinal de seguridade", pero "actualmente non está claro se existe unha asociación causal entre a vacinación con Covid-19 Vaccine Janssen e estas afeccións", afirma.

O ente “está a investigar estes casos e decidirá se pode ser necesaria unha acción reguladora, que xeralmente consiste nunha actualización da información do produto", sinala a EMA, que comunicará con máis detalle toda a información dispoñíbel unha vez que conclúa a avaliación.

A vacina de Janssen actualmente só se usa nos EUA, baixo unha autorización de uso de emerxencia, e espérase a súa próxima distribución na UE, xa que foi autorizada por Bruxelas o 11 de marzo de 2021. O lanzamento da vacina aínda non comezou en ningún Estado membro da UE, mais chegará nas próximas semanas.