A UDC e a UVigo coordinan o primeiro manual ‘serio’ sobre a submisión química

En 80% dos casos o alcol é a substancia consumida. (Foto: Nós Diario)

Trátase dun traballo coral que aborda esta “emerxencia sanitaria” cunha “visión global”.

Os profesores Antonio Rial, da Universidade da Coruña, e Manuel Isorna, da Universidade de Vigo, presentaron esta segunda feira o "primeiro manual serio" para ter unha "visión global" sobre o "problemón" da submisión química.

Na sede do colexio de psicólogos da Galiza, Rial advertiu do "descoñecemento" e a "confusión" que existe sobre este asunto, en paralelo “á dimensión" que ten e por iso a "alarma" que xera.

Todos estes son algúns dos motivos polos que Rial e Isorna traballaron na coordinación desta obra coral na que varios autores abordan o fenómeno desde distintos puntos de vista, co obxectivo de dar información, entre outros, aos encargados e ás encargadas de adoptar políticas neste ámbito. O libro leva por título Submisión química e uso de substancias psicoactivas nas agresións sexuais. Prevención, detección e intervención dun problema multidisciplinar.

Segundo sinalou Rial, a pesar das "carencias" na cuantificación, calcúlase que no 80% dos casos o alcol é a substancia consumida, e o é "de forma compartida e consentida".

"É de entender que [por iso] non se denuncia nin a metade nin a cuarta parte", lamentou, antes de sinalar que o consumo consentido de alcol leva á idea da "vulnerabilidade química", pero tamén á "autoculpabilización", porque non hai consumo "inconsciente".

Co ánimo de "contribuír a poñer solución a un problema sociosanitario emerxente e realmente brutal", un "problema silente que están a sufrir miles de vítimas en España ano tras ano e na Galiza tamén", este profesor constatou que "aumentan as denuncias" pero "só se denuncia 10-20% e segue quedando 80-90% da casuística".

Por "responsabilidade coas vítimas", que, de acordo con os números que manexan estes profesores, nun 90% son mulleres, Isorna "tivo a idea de facer un curso de verán na Universidade de Vigo e a partir de aí" xurdiu "a oportunidade de convidar os mellores expertos, para que escribisen un capitulo moi claro desde o maior rigor".

De aí este "primeiro manual serio, rigoroso cun enfoque multidisciplinar", que busca "contribuír a dispoñer dun coñecemento máis serio e rigoroso" sobre esta temática.

Por capítulos

Pola súa banda, Manuel Isorna foi explicando un por un os 11 capítulos do libro, que "aglutina" información ata o de agora "espallada". O primeiro abórdao desde o enfoque do dereito penal, en referencia á coñecida como lei do 'só si é si', que "non pode con todo isto".

O segundo, desde a óptica do lecer nocturno, lamenta que ata o de agora "case estaba normativizado" que pola noite se dean actitudes ofensivas, porque "ti buscáchelo" e "algo farías". O terceiro analiza o ámbito das redes sociais deste fenómeno mundial, que empezou a examinarse por mor dun caso famoso que recolle o capítulo cuarto.

O quinto capítulo adéntrase nas substancias, que teñen "tres características: que xere amnesia, que faga efecto en poucas doses e que non sexa identificábel", como as picadas. Neste punto, este profesor afirmou que a burundanga é "das substancias que menos aparecen". A obra aborda os "valores machistas" que concorren nestas situacións, xa que "ten que haber unha cousificación da muller", pero tamén "ten que haber un contexto" e "ten que haber a oportunidade".

Un sétimo capítulo escríbeno dous gardas civís "que expoñen como recoller as mostras ou evidencias de que esta vítima sufriu submisión química". No oitavo, un catedrático de medicina legal examina sentenzas de violacións grupais e o peso que nelas teñen factores como a pornografía. Son, alerta, "algo exponencial" e un "fenómeno que vén para quedar".

No noveno, dous médicos de urxencias explican como abordan estes casos e no décimo analízase o papel do laboratorio, sobre a recollida de mostras e "falsos positivos e falsos negativos, ás veces por mestura de drogas ou por unha cuestión hormonal".

O último capítulo, o 11, é no que un forense expón como traballar coa vítima en relación a cuestións como "o perigo de revitimizar as persoas".

"Estamos a tempo"

Na presentación, a decana do colexio oficial de psicólogos da Galiza, Rosa Álvarez, considerou que "estamos a tempo" de traballar na prevención, con medidas como a incorporación de psicólogos a centros escolares, e urxiu a facelo ante "un problemón que vai en ascenso".

"Os profesionais temos que centrarnos e apostar por atallar estes problemas e tamén desde o institucional", dixo. Neste sentido, opinou que este libro "vai ser moi útil á sociedade" e "non se pode desviar a mirada".