Ucraína gaña Eurovisión tras boicotear a súa candidata por 'prorrusa'

Ucraína resultou gañadora do certame de Eurovisión (Foto: Jens Büttner/dpa)
Alina Pash, a vencedora da preselección en Ucraína, tivo que renunciar polas críticas por 'prorrusa' após viaxar a Crimea e aparecer imaxes súas vestida coas cores da bandeira rusa.

A ucraína Kalush Orchestra erixiuse onte gañadora do certame de Eurovisión 2022 grazas á votación do público, que catapultou o grupo ao máis alto da táboa de clasificación. O conflito naquel país, como xa anticipaban as persoas expertas, condicionou en gran medida o resultado. 

Tamén condicionada foi a elección da actual campioa, Kalush Orchestra, como representante da Ucraína, xa que a candidata inicial, Alina Pash, renunciou após as duras críticas por 'prorrusa'.

Pash resultou vencedora na preselección do seu país, pero tras a vitoria foi acusada de viaxar a Crimea após anexión rusa de 2014 sen o permiso correspondente. Tamén se difundiron imaxes súas vestida coas cores da bandeira rusa. 

Aínda que ela negouno, a presión fixo que terminase cedendo e finalmente non viaxará a Turín (Italia) para participar na gran final.

Conflitos eurovisivos

As tensións entre Rusia e Ucraína xa provocaran outros conflitos eurovisivos. En 2019, a televisión pública ucraína ─son os entes públicos de radiodifusión estatais os que organizan este certame─ declinara participar ao negarse a súa candidata, Maruy, a cancelar os seus concertos en solo ruso.

Ucraína gañara Eurovisión en 2016 cunha canción de Jamala con mensaxe política que, pese a estar prohibido, conseguiu 'colar' vendendo como feito histórico a deportación de miles de tártaros de Crimea.

Ao ano seguinte o certame tivo lugar en Odesa. Rusia non participou, non porque non quixera, senón porque Ucraína, como país anfitrión, bloqueou a participación da súa representante, Yulia Samoylova, á que non permitiu entrar no seu territorio por ter viaxado a Crimea dous anos antes "de maneira ilegal" para participar nun concerto. 

Exclusión en 2022

A invasión de Ucraína custoulle a Rusia a súa participación na edición deste ano. A Unión Europea de Radiodifusión (UER), organizadora do festival, tomou a decisión após a presión de distintos países que ameazaban con boicotear o festival se Rusia estaba presente.

Porén, non decidiu adoptar medida algunha sobre Ucraína, para o que argumentou que se trata "dun evento cultural  apolítico", unhas declaracións que despois tivo que matizar para concluír que "debido á crise sen precedentes de Ucraína, a inclusión da candidatura de Rusia no certame deste ano suporía un desprestixio para a competición".