A TVG prescinde das colaboracións de Rogelio Santos "por criticar a xestión da Xunta"

Rogelio Santos alerta da caída da actividade na ría de Muros e Noia. (Foto: Nós Diario)

Logo de dous anos participando en programas de diferentes formatos, o mariñeiro deixou de recibir chamadas por parte da corporación de radio e televisión públicas, algo que Santos confesa sentir como “un alivio”.

“Por ter criticado a xestión da Xunta [da Galiza] e por apoiar o BNG, non van volver chamarme da TVG, e desde aquí, quero darlles as grazas”. Esta é a mensaxe que o mariñeiro, divulgador de temas pesqueiros e presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Muros e Noia, Rogelio Santos, publicou no perfil da súa rede social ‘X’ coa que daba a coñecer que a Corporación de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) xa non volvería contar con el como colaborador na súa programación.

E é que, ao longo dos últimos dous anos, Santos participou en diferentes programas da TVG, tanto acudindo ao plató como por videochamada, cada vez que a televisión pública precisaba os seus comentarios a respecto de “calquera tema importante relacionado coa actualidade” do mar, segundo explica o propio mariñeiro a Nós Diario.

Chamáronme cando foi o naufraxio do Vila de Pitanxo, tamén polo conflito entre os bateeiros e os percebeiros... En calquera momento que precisaban a miña opinión como mariñeiro e como divulgador”, afirma. Para Rogelio Santos sempre foi unha sorte de “deber” acudir a todos os medios que o convidaran. “Mais non por afán de protagonismo ou económico”, confirma en conversa con este medio, senón para que os temas sobre os que el divulga “cheguen a máis xente, a quen lle poida interesar”.

Desta maneira, e no que el define “como a súa natureza”, participou en diferentes programas da TVG e tamén nas redes sociais do medio público, onde compartían reels —vídeos curtos, dos que “xa tiñan gravados uns 20”—. Incluso, conta Santos, unha produtora púxose en contacto con el para "gravar un programa de 12 capítulos, unha mestura de reality e divulgación, no que sería o presentador e no que a TVG estaba moi interesada". “Estabamos xa en conversas moi avanzadas sobre o formato e demais aspectos do programa”, di, e, porén, todos estes plans ficaron en augas de castañas.

“Cando eu fago críticas á xestión da Xunta na crise dos pellets, a partir dese momento concreto, deixan de chamarme”, explica a Nós Diario, un feito que, con todo, para o mariñeiro supuxo “un alivio”. “Agradézoo porque despois de ver a falta de ética da TVG no tratamento dos pellets, no tratamento incluso comigo [...] paréceme tan falto de ética que prefiro non ir á TVG”, engade, confirmando ademais que seguirá creando contido divulgativo.

“Eu vou seguir creando contido nas redes sociais na mesma liña que o estiven a facer até agora, e fareino para a xente que votou PP, para a que votou BNG, para quen votou PSOE... Para todo o mundo, libre, de maneira accesíbel e co mesmo espírito que nace do meu sentimento pola miña terra, polo mar e polas cousas ben feitas, que eu creo que é o espírito que debería ter a TVG”, aclara Santos.

Rogelio Santos pide á corporación pública que “non se preocupen”. “O meu chío non é un choro. Estou feliz, no mellor momento da miña vida e paréceme perfecto que sexan así de miserábeis. Sóbranme canles para poder compartir e divulgar”, sentenza o divulgador, para concluír que fica agardando a que fagan na televisión pública “algún tipo de programa que poña en valor os produtos pesqueiros da nosa terra, que dignifique e poña en valor o traballo dos mariñeiros, e que sexa capaz de concienciar sobre a importancia do coidado do mar”.